Acto entrega almofadas solidarias CHUO e Hospital Verín - Espazo +60 Ourense
As voluntarias participantes no obradoiro solidario do Espazo +60 Afundacion de Ourense confeccionan estas almofadas a partir dun patrón.
Este proxecto naceu en 2001, cando Janet Kramer-Mai, enfermeira no servizo de oncoloxía do Hospital Erlanger Medical Center de Chattanooga en Tennessee (Estados Unidos), tivo que ser operada. Despois diso, tres das súas tías coseron unha almofada e colocáronlla de xeito que se axustaba confortablemente debaixo do brazo. A almofada non soamente reducía de forma sensible a dor da incisión porque non premía o edema senón que a protexía de contactos ou golpes accidentais, e diminuía a tensión dos músculos do ombreiro, polo que evitaba unha grande parte do sufrimento deste tipo de postoperatorio. Despois da súa recuperación, Janet introduce no seu servizo do hospital as almofadas.
A raíz de asistir a un congreso en Washington, Estados Unidos, Nancy Friis Jensen coñece a Janet que lle presenta o seu proxecto da almofada, e entrégalle unha almofada de corazón. Estas almofadas eran cosidas por voluntarias de varias igrexas e diferentes agrupacións que as entregaban no hospital para as mulleres acabadas de operar de cirurxía mamaria, así foise extentendo a iniciativa.
A almofada ten forma de corazón, pero con forma de V máis pronunciada do habitual, para que encaixe perfectamente debaixo do brazo e non se mova.
Os beneficios son:
- Impide que o brazo roce a ferida.
- Evita que inche por causa das glándulas linfáticas.
- Sostén o brazo e os músculos do ombreiro.
- Axuda a durmir sobre o lado operado.
- Permite estar sentada, xa que non se ten que manter o brazo en alto por encima da cabeza.
- Ao tusir, agarrar a almofada fai que diminúa a dor.
- Reduce golpes sen querer ou empuxóns na zona afectada.
- A nivel emocional, contribúe a fortalecer a autoestima das pacientes e a crear unha rede de apoio.