Desde Afundación deixamos patente o noso compromiso co medio ambiente e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible a través da posta en marcha de actividades ambientais, principalmente de voluntariado e de sensibilización.

A reforestación dos montes galegos, gravemente afectados polos incendios cada verán, así como a erradicación de especies invasoras que non permiten o crecemento e desenvolvemento da flora local e a biodiversidade, ou a limpeza de bosques e praias, son as nosas principais liñas de actuación.

As persoas participantes contan co asesoramento técnico dos integrantes do Grupo Naturalista Hábitat, que determinan as especies idóneas para plantar en cada terreo segundo as súas características e explican o proceso que se debe seguir para plantar cada exemplar, mostran as especies que deben ser erradicadas e dan as indicacións necesarias para levar a cabo unha correcta limpeza das zonas nas que traballamos.

A parte de G. N. Hábitat, estas actividades realízanse en colaboración con outros organismos como Concellos, Comunidades de Montes ou espazos protexidos para actuar nas localizacións onde é máis necesario.

Estas actividades son ideais para realizar en compañía dos máis pequenos da casa, xa que inclúen talleres de biodiversidade ou de construción de refuxios de fauna (aves). Nenos e nenas convértense en biólogos por un momento para realizar identificacións de especies e descubrir os rastros de fauna que se atopan habitualmente nun paseo polo campo, un bosque ou unha praia.