A Sede Afundación de Vigo acolle a mostra «Abellas. O zunido que sostén a vida», un proxecto de Naturnova
Afundación, a Obra Social de ABANCA, acolle na súa Sede de Vigo a mostra «Abellas. O zunido que sostén a vida», un proxecto de Naturnova en colaboración coa Agrupación Apícola de Galicia. A mostra convida a descubrir a complexa sociedade das abellas e a fascinante vida dentro da colmea a través de fotografías, exemplares de abellas e pezas audiovisuais. Poderá ser visitada os sábados, en horario de 17.30 a 20.30 h, ata o 30 de maio, excluíndo festivos.
«Abellas. O zunido que sostén a vida» incide na importancia das abellas como responsábeis da polinización do 80% de flores e colleitas e, polo tanto, garantes da biodiversidade, o clima e a produción alimentar. Ao longo da visita, remárcase que a súa supervivencia non depende só da natureza, e chámase ao compromiso con prácticas máis respectuosas co medio natural no día a día. Ao rematar a visita, todos os visitantes recibirán un pequeno obsequio e unha guía completa para profundizar no mundo da apicultura e a sostibilidade.
O 15 de maio levarase a cabo unha extracción de mel en directo, na que se ensinará de forma práctica o proceso nunha experiencia única, e haberá como complemento un obradoiro de arte plástica sobre a temática. Poderase participar nestas actividades previa inscrición no seguinte formulario.
«Abellas. O zunido que sostén a vida» forma parte así mesmo do programa de Afundación «Cultura por alimentos», mediante o cal se anima aos visitantes a levar alimentos non perecedoiros e depositalos na propia sala de exposicións para a súa distribución aos bancos de alimentos locais, a través da Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL).