LEGÍSIMA
Rodríguez de Legísima, Carmen
( Loeda, Piñor, Ourense, 1958 - Vigo, 10 de julio de 1980 )
Biografía
É a pequena de sete irmáns nunha familia conservadora, adiñeirada e moi católica. Durante a súa infancia xorde a súa vocación artística; debuxa e pinta de maneira espontánea e así o fará toda a súa vida, posto que é autodidacta. A profesión militar do seu pai obriga a familia a trasladar o seu domicilio por territorio galego en repetidas ocasións ata que se retira e se asentan no pazo da vila de Lousado; alí reside Carmen ata que falecen o seu irmán Manuel e os seus pais e trasládase xunto ao resto dos seus irmáns a Vigo. Estuda a carreira de Maxisterio en Madrid, que nunca exercerá. A súa vida céntrase na pintura e transcorre no seu estudio-obradoiro. Era unha gran lectora de grandes mestres da literatura, historia, cultura e da ascética —pensa, reza e pinta. Realiza a súa primeira exposición en 1943 na sala Macarrón en Madrid —onde volverá expoñer en 1965— apoiada polo pintor Salaverría, amigo do seu irmán Juan, e obtén excelentes críticas que advirten o seu parentesco artístico con Solana. A esta mostra séguenlle moi escasas exposicións —debido á extrema intimidade en que transcorre a súa vida— en Londres, Lisboa ou Roma. Dáse a coñecer en Vigo tardiamente na exposición que lle dedica Caixavigo en 1979, cando xa padece unha agoniante doenza nos últimos anos da súa vida que lle provoca a inmobilidade parcial da parte dereita do seu corpo e a obriga a pintar coa man esquerda.
A súa pintura pódese definir como realista de tendencia barroca cun halo místico. O seu debuxo é firme e a súa pincelada grosa, charramangueira e rotunda. Os seus xéneros predilectos son o bodegón e o retrato. A temática relixiosa constitúe a súa gran paixón, e a súa admiración referencial céntrase en Diego Velázquez e en Fra Angélico. Na súa obra recoñécense tamén influencias de Solana, O Greco, William Blake ou Zurbarán.
Na Colección Afundación achamos catro óleos da artista. Bodegón con bandexa (1950) exemplifica o barroquismo que lle aplica a esta temática. Xoga coa luz de forma valente, a cor dos primeiros planos é quente e o fondo neutro e escuro. Pódense percibir as texturas dos obxectos como na bandexa de prata, onde nun exercicio de liberdade co pincel e coa cor evoca un dripping do expresionismo abstracto. En familia (1940) representa unha escena cotiá íntima e solemne, o momento da bendición que está sendo interrompido pola filla menor. Destaca a expresividade coa que son representados cada un dos membros da familia, así como a riqueza da composición. Con A miña irmá obtén a primeira medalla de prata na Exposición Nacional de Belas Artes (Madrid, 1943), á que engadirá a medalla do Salón de Outono de 1948. Retrata a súa irmá Asunción ataviada co hábito capuchino —as engurras e dobras reflicten un extraordinario efecto de luz e textura que evoca a pintura española do século XVII— sentada na súa cela rodeada de elementos cotiáns nunha atmosfera de espiritualidade. En San Paulo (1960), representa o Santo en primeiro plano sostendo un pergamiño con xesto firme e cabelo axitado. A expresividade da figura, a paleta contrastada e a firmeza da pincelada reforzan o dramatismo da escena.
Bibliografía
C. de Legísima, Caja de Ahorros Municipal, Vigo, 1985.
GRANDES Artistas Galegos. Carmen R. de Legísima, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, Vigo, 1985.
O REXIONALISMO, Nova Galicia Edit., Vigo, 1997.
PEREIRO BUENO, F.: A presenza das mulleres pintoras na arte galega. 1858-1936, Ediciós do Castro, Samoedo, Sada (A Coruña), 2004.