ACISCLO MANZANO
Manzano Freire, Acisclo Rogelio
( Ourense, 1940 )
Biografía
A necesidade de entreterse durante unha enfermidade infantil elaborando pequenas figuras a partir de caixas de madeira e a atracción que exercían as esculturas da catedral e do Museo Municipal de Ourense, espertaron de maneira natural o interese de Acisclo Manzano pola escultura. Iniciou a súa formación na Escola de Formación Profesional onde obtivo o título de tallista e, posteriormente, na Escola de Artes e Oficios onde estudou debuxo e modelado en xeso e conseguiu unha bolsa para continuar a súa aprendizaxe en Santiago de Compostela, primeiro no obradoiro de Francisco Asorey e despois con José Liste con quen mellorou a súa destreza cos instrumentos de tallar a madeira. De volta a Ourense, a súa habilidade coa talla da madeira proporcionoulle as primeiras encargas, cristos e figuras relixiosas, nas que xa amosaría unha clara tendencia á innovación formal.
Iniciou así unha carreira artística que remataría por convertelo nun dos grandes escultores españois. Se ben traballou con madeira, bronce, ferro, granito ou polispan, a materia coa que máis cómodo se sente xa que lle permite o contacto directo das súas mans é o barro, co que modela as formas escultóricas que expresan os seus sentimentos e ideas. Formou parte do grupo inicial de O Volter e tamén de Sete artistas galegos e durante sesenta anos expuxo a súa obra en Galicia e en grandes cidades de Europa e América. Recoñecido por críticos e historiadores, recibiu numerosos premios, como o Nacional de Escultura en 1962 e 1968.
A súa escultura moveuse esteticamente dentro do universo figurativo, aínda que nalgúns momentos da súa carreira chegou a aproximarse ao territorio da abstracción. Desde a influencia inicial do Mestre Mateo, o clasicismo de Fidias ou o helenismo da Vitoria de Samotracia, algúns trazos da súa obra emparéntano co quefacer de Brancusi, Archipenko ou Medardo Rosso, e, sobre todo, co sentido do volume de Henry Moore. Desde aí foi creando un estilo propio e recoñecible no que, se ben mantén os seus trazos estilísticos, aprécianse diferentes etapas creativas. Nos anos sesenta e primeiros setenta a súa obra en madeira estivo orientada cara á temática relixiosa e á representación da vida cotiá. Críticos e historiadores destacaban a capacidade de Acisclo para extraer a vida que habita nesa materia na que se aprecia a influencia do Mestre Mateo aínda que o alongamento das figuras, os trazos dos rostros con cavidades oculares e a lixeira policromía sobre a madeira contribuían a fortalecer a expresividade e amosaban unha forte tendencia renovadora, como se ve na obra Quessada (1964 Colección Afundación).
Durante o segundo lustro, iniciou unha etapa marcada pola súa presenza no Mediterráneo. Alternou a súa vida en Ourense con Eivissa e Barcelona. Se ben a influencia helenística seguía presente, nos seus torsos en arxila eivisenca apenas se percibía a fronteira entre a figuración e a abstracción. As súas terracotas eran formas escultóricas de gran dinamismo, as liñas ondulábanse e retorcíanse sobre si mesmas e adquirían a luminosidade que achegaba a materia mediterránea. Noutras pezas o volume suxería apenas rostros ou formas humanas como en Amores vesánicos (1970 Colección Afundación).
Nos oitenta o escultor volveu a Galicia e instalouse na súa casa estudio de Viduedo (Ourense). Reencóntrase con Xaime Quessada e crean escultupinturas e obras en granito, ferro e bronce expoñendo dentro e fóra de Galicia. É entón cando Acisclo dedica a súa atención á obra pública e deseña grandes pezas en bronce ou ferro. A terracota convértese nunha fina capa de etérea fraxilidade que gaña en luminosidade co lixeiro cromatismo que lle dá ao modelado coas súas propias mans. Desta época son obras como Torso de Dama; Repouso (1989) ou Lonxe, (1993) (Colección Afundación).
Finalizando a segunda década do século XXI Acisclo Manzano, despois de sesenta anos de actividade artística, retoma a madeira e mantén a súa especial relación co barro, coa materia co que se encontra feliz sentindo a humidade da terra, a orixe de todo. Continua expoñendo en Galicia e realizando obra pública. É membro da Academia de Belas Artes de Galicia, Ourense concédelle a Medalla de Ouro da Provincia e as súas esculturas forman parte das coleccións de numerosos museos e institucións de España e da paisaxe urbana das principais cidades de Galicia.
José Gómez Alén
Bibliografía
ACISCLO Manzano, Caixanova, Vigo, 2002.
ACISCLO Quessada, Quessada Acisclo, Concello da Coruña, 1990, A Coruña.
ACISCLO. Escultor, Deputación de Ourense, Ourense, 2017.
ACISCLO. Sete décadas, Afundación. Obra Social ABANCA, 2023 [enlace desgarga: https://www.afundacion.org/ga/cultura/publicacion/acisclo-sete-decadas].
ARTISTAS Orensanos, Deputación de Ourense, Ourense, 1983.
AS portas da luz. Acisclo Manzano, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Dirección Xeral de Promoción Cultural, Santiago de Compostela, 2004.
CAMPOY, A. M.: Diccionario crítico del Arte español contemporáneo, Ibérico Europea de Edic., Madrid, 1973.
GARCÍA IGLESIAS, X.M.: Catálogo de la exposición del Parlamento de Galicia de 1993 con la obra reproducida.
PABLOS, F.: Acisclo, Edit. Atlántico, A Coruña, 1981.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.
PABLOS, F.: Colección Adriano Marques de Magallanes, Concello de Vigo, Vigo, 1992.
VV.AA.: “Acisclo en Villamarín” catálogo de la exposición reproducida en la obra en la p. 34.