• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

ARTURO SOUTO

Souto Feijoo, Arturo

( Pontevedra, 4 de julio de 1902 - México D. F., 3 de julio de 1964 )

Biografía

Arturo Souto foi un creador que xogou un papel sobranceiro na renovación da arte galega anterior á Guerra Civil desde o movemento de Os Novos e logo no ámbito cultural do exilio americano, que o artista viviría en México ata a súa morte.

Fillo do xuíz e pintor Alfredo Souto, estudou Belas Artes en Sevilla e Madrid e foi bolseiro da Deputación de Pontevedra en París. En 1931 asina o manifesto da Sociedade de Artistas Ibéricos e tres anos despois gaña o Premio de Roma, e trasládase alí coa súa familia.

Na súa evolución, que hai que situar na figuración europea de entreguerras, amosa o gusto polas figuras femininas tratadas con sólidas formas volumétricas. Elimina o pormenor como en Negra (1934) ou O toureiro e a xeitosa (1933). Cando representa mulleres e homes en contextos populares galegos, convérteos en auténticos emblemas, querendo facer fincapé no carácter popular, de clase, das figuras situadas en ámbitos de traballo que atinxen un fondo sentido social.

Percíbese tamén unha inclinación expresionista (Santo sepulcro, 1935). En ocasións, chega a abeirar unha estética poscubista, aspectos que proceden da súa estadía en París e do contacto con diferentes ámbitos estéticos: galego (Os Novos), español (Sociedade de Artistas Ibéricos), francés e italiano.

Un dos seus temas recorrentes é o ambiente de escenas de taberna, cabaré ou prostibularios, representacións en que domina o sensual: Nu feminino a carón dunha mesa, (1930) ou o explicitamente erótico: Esperando, (1938) e Xogando ás cartas, (1932). Alén diso, non poucas obras destes anos trinta están na órbita da pintura figurativa italiana dos Valori Plastici e do denominado realismo máxico.

Coa Guerra Civil realiza óleos de temática combativa, comprometidos coa legalidade republicana, pero, sobre todo, elabora debuxos e gravados postos ao servizo das publicacións de propaganda de guerra. Nestes traballos destaca a atmosfera nocturna, a representación crúa da violencia e un certo onirismo (Arresto en vila de montaña, 1936).

Da mesma matriz temática son os óleos de desoladas paisaxes castelás, froito da experiencia visual da guerra (Capea nunha vila de Castela, 1945), que se insiren dentro dun realismo social, non exento de toques expresionistas, cun amoreamento de pinceladas, con texturas marcadas, presentando un ambiente esgrevio.

Souto vai vivir o exilio en México. Na súa obra americana aparece a temática ligada ao novo continente. En paralelo o pintor transforma a súa paleta en obras onde o colorismo gaña terreo e nelas é detectable certo primitivismo indixenista de logrado equilibrio compositivo e cromático. Ao mesmo tempo, desde os anos corenta, a súa pintura evoca a España profunda, solanesca ou o París estilizado pola memoria. No anos finais, o artista transforma a súa paleta en obras nas que o colorismo gaña terreo, como en Xaponesas (1955).

Regresa a España no ano 1962 e expón moi axiña en Vigo, Madrid, Santiago e Bilbao, pero ten que regresar a México a principios do 1964 ante o risco de perder o permiso de residencia. Morreu ese mesmo ano.

Carlos L. Bernárdez

Bibliografía

A GUERRA de Arturo Souto. A Nosa Terra, Vigo, 2002.

O PINTOR. Arturo Souto. Ediciós do Castro, Sada (A Coruña), 1969.

ARTURO Souto. Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1996.

ARTURO Souto. A Nosa Terra, Vigo, 2002.

ARTURO Souto. Exposición antológica. Caja de Ahorros Municipal de Vigo, Vigo, 1988.

ARTURO Souto (1902 – 1964). Exposición. Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, 1997.

CAMPOY, A. M.: Diccionario crítico del arte español contemporáneo. Ibérico Europea de Edic., Madrid, 1973.

CASTRO, X. A.: Renovación e avangarda en Galicia. (1925-1933). Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 1986.

CHAMOSO LAMAS, M.: «Arte», en Galicia. Edit. Noguer, Barcelona, 1976.

DIBUXOS de Arturo Souto. Ediciós do Castro, Sada (A Coruña), 1977.

FERNÁNDEZ DEL RIEGO, F.: «O pintor Arturo Souto» en Grial. Galaxia, Vigo, 1988.

GÁLLEGO, J.: 30 artistas españoles de la Escuela de París. Centro Conde Duque, Madrid, 1984.

GAYA NUÑO, J. A.: La pintura española del siglo XX. Ibérico Europea de Edic., Madrid, 1970.

ILARRI GIMENO, A.: Catálogo del Pazo Museo «Quiñones de León». Concello de Vigo, Vigo, 1978.

PABLOS, F.: Colección Adriano Marques de Magallanes. Concello de Vigo, Vigo, 1992.

PABLOS, F.: Plástica gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1981, Vigo.

PINTORES españoles de la Escuela de París. Vigo. Caixavigo, Vigo, 1992.

SOBRINO MANZANARES, M. L.: Arturo Souto. Exposición antológica. VI Bienal Internacional de Arte 84. Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 1984.

VV. AA.: Orígenes de la vanguardia española. 1920-1936. Galería Multitud, Madrid, 1974.

VV. AA.: Arturo Souto. Exposición antológica. Caixavigo, Vigo, 1988.

VV. AA.: El exilio español en México. Fondo de Cultura Económica, México, 1982.

 

Obra

  • Retrato en familia

    Retrato en familia 1934

  • Dos mujeres

    Dos mujeres 1931 - 1932

  • Negra

    Negra 1934

  • Esperando

    Esperando 1938

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2025© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78