Fillo de españois residentes en Cuba, nace na Habana, ó fío do comezo da guerra civil española. En 1947 queda interno durante un curso na Escola Militar de Atlanta, en Georgia, Estados Unidos, país ó que volverá a miúdo; tamén irá a Canadá para asistir a campamentos escolares.
A familia volve a España e instálase na Coruña en 1950. Rogelio Puente cursa o bacharelato cos Maristas e a carreira de Dereito en Compostela, entre 1953 e 1959. En 1962 reside en Inglaterra, onde obtén títulos académicos. Traslada a súa residencia a Madrid en 1963 e viaxa por Francia e Italia. Estudia os dous primeiros cursos de Arquitectura, que abandona, e catro na Escola de Artes Decorativas, onde consuma o oficio de pintor cun grande dominio técnico.
Expón na Bienal de Pontevedra de 1976 e na Nacional de Pintura de Bilbao en 1977, ano no que acada mención no premio Sotomayor do Concello da Coruña. O premio absoluto outórgallo na modalidade de retrato en 1979. Leva a súa obra a Bos Aires en 1980, participa na exposición de premios do centenario do Círculo de Belas Artes, en Madrid, concorre á do centenario de Caixavigo, onde sorprende o primor do seu realismo e ilustra a Historia de Galicia, de Emilio González López.
A súa obra ten un grande éxito en Brasil, expoñendo en Río de Xaneiro, Brasilia, Sâo Paulo, Porto Alegre, Bahía e Recife, en 1981. Nos anos seguintes expón en México, na República Dominicana, en Francia, Arxentina e mais en diversas cidades de España. En 1984 concédenlle o premio da Bienal de México; a partir de 1985 traballa en exclusiva para a Wally Findlay Gallery de Nova York. Na Coruña organízase unha exposición antolóxica do artista en 1988 que patrocina a Xunta de Galicia e o Concello herculino.
Está representado en museos de Galicia, Sudamérica e mais Estados Unidos. Rogelio Puente é un realista de ascendencia romántica e evocadora. A exactitude dos seus ambientes permite definilo, tamén como hiperrealista: antigos cafés, balnearios, xardíns, invernadoiros, interiores, onde todo é exacto na luz peneirada, nos carmíns atenuados e nos ouros refulxentes. As súas perspectivas precisas de lonxanías inabarcables son dignas da mellor pintura holandesa dos séculos XVII e XVIII. Retrata os obxectos, personalízaos e distíngueos. Un cristal, un moble, un cadro na parede recargada son ambientes que gabaría o cineasta Luchino Visconti. En determinados momentos, Puente é un modernista, sempre cunha execución primorosa. Brinca coa luz, en fortes contrastes de tons, de maneira que a realidade entre nos seus cadros e semella que o espectador tamén pode transistar polos seus eidos. Xamais a evocación e a morriña se pintaron con tanto atractivo. Algúen achegou as fiestras e o derradeiro sol do serán forma un raio que baña en ouro canto acada. A maxia do seu debuxo, da súa paleta volven perenne un intre fugaz, unha escena cotiá que a arte ergue á máxima categoría de permanente, elegante, e, asemade, luxosa e discreta.
Como retratista Rogelio Puente é un eslabón da mellor escola española.
-Amón, Santiago: Rogelio Puente.
A Coruña, Xunta de Galicia, 1988.
-Pablos, Francisco: Plástica gallega.
Vigo, Caixavigo, 1981.
-VV. AA.: Arte galego en Caixa Galicia.
A Coruña, Fundación Caixa Galicia, 1992.