• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

XAVIER POUSA

Pousa Carrera, Xavier

( Goián, Tomiño, Pontevedra, 13 de abril de 1931 - Vigo, 8 de diciembre de 2000 )

Biografía

Durante a súa infancia en Goián realiza as primeiras manifestacións artísticas e convértese en discípulo de Antonio Fernández —figura clave na súa vocación. Trasládase en 1950 a Madrid, onde se forma en debuxo no Círculo de Belas Artes e no Museo de Reproducións Artísticas, tamén copia os mestres do Prado. Ingresa en 1951 en San Fernando e remata a carreira en 1956. Participa na súa primeira mostra en Pontevedra en 1951. O espírito viaxeiro lévao a París, Italia, Alemaña e Países Baixos lugares onde profunda na obra dos Grandes Mestres. Obtén a bolsa de paisaxe do Paular, e en 1956 realiza a súa primeira individual na Sala Macarrón —relación que continuará recorrentemente— cun grande éxito. Amplía a formación na Escola de Belas Artes de Múnic e reside uns anos en Madrid. Regresa a Galicia e expón na Sala Foto Club de Vigo en 1960. Establécese en Ourense un tempo. O seu compromiso coa sociedade e a arte galega concrétase na súa adhesión ao grupo Os Artistiñas, así como na cofundación de Estampa Popular Galega. En 1969 aséntase  en Vigo e continúa a actividade profesional que o leva a expoñer principalmente en Galicia e Madrid, América do Sur ou Toronto. En 1994 Caixavigo dedícalle unha antolóxica dentro da serie Grandes Artistas Gallegos. Foi recoñecido con diversos premios e a súa obra forma parte de fondos de museos, institucións e particulares. Despois do seu pasamento a obra estará representada, por iniciativa da familia, na Fundación Xavier Pousa, na casa natal de Goián.

Considerado un dos paisaxistas máis relevantes da pintura galega da segunda metade do século XX, foi definido como o gran mestre da luz e da cor. Ademais das súas paisaxes intimistas, nas que se aprecia a influencia da chamada Escola de Madrid, abordou o retrato, o bodegón e o nu. O seu mestre, Antonio Fernández, inculcoulle a paixón pola natureza e un completo dominio técnico do procedemento. Dentro da súa cultura artística, sentiuse moi vinculado co impresionismo de Monet. Nas súas sobrias composicións a pincelada breve e detallista e a pincelada longa e ancha alternan nunha pintura que amosa o encanto do sinxelo e cotián cun quente cromatismo.

Na Colección Afundación figuran quince pinturas que representan os xéneros que aborda e que cronoloxicamente abarcan desde inicios dos anos sesenta ata os noventa. A súa predilección por pintar au plein air, propio dos impresionistas, vese reflectida nas súas representacións rurais e costeiras galegas que constitúen o fundamental das obras, así como nas súas paisaxes castelás, Terras de León e Cogeces do monte en Valladolid. Son paisaxes desprovistas de artificios nos que a atmosfera e a luz se plasman maxistralmente. O seu maxistral emprego da luz, dota as súas composicións dunha atmosfera de intimidade que alcanza desde a sinxeleza dos seus bodegóns ata altas cotas no nu Vestíndose. Temática que tamén aparece no idealizado tributo á pintura francesa Paisaje con desnudos. A presenza da muller complétase no retrato costumista dunha moza pescantina coa súa patela. O seu dominio do debuxo, a pincelada solta e segura, e o uso dunha paleta contrastada xeran un busto de gran beleza e unha dimensión case escultórica.

Bibliografía

MON, F.: Pintura contemporánea en Galicia, Caixa Galicia, A Coruña, 1987.

PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.

PABLOS, F.: Xavier Pousa e Buciños, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1993.

PABLOS, F.: Xavier Pousa, pintor de la frescura intemporal, Caixavigo, Vigo, 1994.

Obra

  • Tierras de León

    Tierras de León 1992

  • Verán en Goián

    Verán en Goián 1961

  • O freixo

    O freixo 1994

  • Paisaje con desnudos

    Paisaje con desnudos 1975

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2026© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78