FRANCISCO MANTECÓN
MANTECÓN RODRÍGUEZ, FRANCISCO
( Vigo 1948 - Vigo 2001 )
Biografía
Fillo dun coñecido crítico musical, na súa casa vívese un ambiente artístico. Estudiou a carreira de Belas Artes na Escola de San Xurxo, en Barcelona, cidade da que as actividades culturais teñen na súa pintura unha influencia considerable.
A partir de 1968, cando aínda era estudante, participa nas exposicións ó aire libre da Praza da Princesa, acadando a súa primeira bolsa de estímulo. Na década dos setenta realiza as primeiras mostras individuais. En 1977 elíxeno para a Mostra da Resistencia Salvador Allende, na esixente galería Juana Mordó de Madrid. Participa nas dúas mostras de homenaxe a Leopoldo Nóvoa e vencéllase ó movemento Atlántica, desde os seus inicios, en 1980, en Baiona. Tamén intervén nas Bienais da Deputacion de Pontevedra mentres alterna con exposicións individuais en diferentes cidades españolas.
Interesado polo deseño, realiza traballos editoriais de grande personalidade. É profesor de debuxo nun Instituto de Educación Secundaria.
A súa obra está representada en museos de Galicia.
Mantecón realiza un Espacialismo de exquisita execución, a base de xeometrías elementais, en amplos rectángulos case sempre en duplicidade sobre os que inscribe os seus grafismos minuciosos, relacionables con correntes filosóficas orientais e en concreto co Tao. A obra investigadora desta actitude espiritual de Alan Watts, é lectura constante para o artista.
Bibliografía
Francisco Mantecón. Paixón e cálculo, MARCO, Vigo, 2015.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1981, Vigo.
MON, F.: Pintura contemporánea en Galicia, Caixa Galicia, A Coruña, 1987.
O rostro do tempo, Concello de Vigo, Vigo, 1991.
Tempos de pintura, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1985.
Enlace páxina web do artista: http://www.franciscomantecon.eu/