TINO GRANDÍO
Grandío López, Constantino
( Lousada, Guntín, Lugo, 31 de diciembre de 1924 - 23 de abril de 1977 )
Biografía
Un dos artistas máis persoais e de apreciación progresiva máis intensa que deu Galicia é Constantino Grandío López, coñecido internacionalmente como Tino Grandío. De formación plástica por completo autodidacta, os seus primeiros estímulos recíbeos dun industrial parente seu, grande coleccionista de pintura e animador de empresas artísticas. Pensionado pola Deputación de Lugo, instálase en Madrid e intégrase no grupo da Escola de Madrid que fomenta as tertulias do Café Gijón, onde a presencia do xove galego é constante onda a Díaz Caneja, Cristino Mallo e Francisco Arias. Foi un pintor premiado en múltiples ocasións, xa dende moi novo, pois en 1944 obtivo o Provincial de Lugo, que llo concederon tamén nove anos máis tarde, esta vez en escultura, faceta que cultivou escasamente. Nas Nacionais de Belas Artes escalou tódolos postos: terceira medalla en 1959, segunda en 1961 e primeira en 1965. Foi tamén gran premio da Dirección Xeral de Belas Artes e bolseiro March, en 1965. Un ano despois recibe o grande premio e a medalla de honor na Primeira Bienal Galega, galardón que repetiu en Marbella en 1971, tras lle concederen o disputado premio Repesa en 1968, ata aquela o mellor dotado de España economicamente, por unha interpretación libre de La Venus del espejo, de Velázquez. Comezou a expoñer en 1957 cunha mostra que lle deu notoriedade na Dirección Xeral de Belas Artes, en Madrid. Despois, as súas mostras sudedéronse en toda España e mais en París, Nova York, Suiza, Alemaña e Sudamérica. Ademais, designárono socio de honor do círculo de Belas Artes de Madrid. A súa obra figura no Museo de Arte Contemporánea de Madrid, en case tódolos de España e en moitos de Europa e américa.
A pintura de Grandío non é doado definila. Agás en contadas ocasións é case monocroma, dita en grises, de tonalidades infinitas, con brancos e algún negro atenuado. As súas composicións de figuras son siluetas a penas perfiladas sobre as que mancha con materia moi tendida, ocasionalmente grosa. Todo semella visto a través dunha néboa mesta ou de cristais enturbados. As súas paisaxes, ben sexan do campo ou do mar, teñen escasas ou nulas referencias formais. E, sen embargo, xamais Galicia e o seu mar teñen sido tan auténticos, tan intensamente líricos e íntimos e, asemade, tan abraiantes na súa infinita soedade non agresiva.
Grandío, ser pintoresco, neno grande, ás veces xenial nas súas expresións, namorado de todo o popular do seu país, exercía en Madrid de Galego. Mesmo nos comezos da súa etapa madrileña vestía indumento folclórico, sempre tocou a gaita, dedicación que consideraba inescusable como fonte de inspiración e especie de cordón umbilical entre a súa amada Galicia natal e o lugar onde se atopa. Era tenro, xesticulante, razoador e disparatado, todo a un tempo. Debuxaba dun modo inclasificable posto que, formalmente, os seus trazos eran torpes, case malos, e, sen embargo, tiñan unha personalidade rexa, séndolle abondos para asentaren a súa pintura delgada coma se quixese aforra-la materia. Algúns dos seus retratos, coma o do Xeneral Franco, por suposto imaxinario, son xa historia da pintura contemporánea e da historia de España.
Bibliografía
Campoy, A. M.: Diccionario crítico del Arte español contemporáneo. Madrid, Ibérico Europea de Ediciones, 1973.
Chamoso Lamas, Manuel: "Arte", en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer, 1976.
Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes. Madrid 1980.
Moreno Galván, Jose María: Introducción a la pintura española actual. Madrid, Publicaciones Españolas, 1960.
Areán, Carlos: 30 años de Arte español. Madrid, Edic. Guadarrama 1972.
Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixagalicia, 1987.
Carballo Calero, María Victoria: Catálogo de Pintura del Museo provincial de Lugo. Lugo 1960.
VV. AA.: Grandío. Exposición monográfica. Vigo, Caixavigo, 1985.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Pablos, Francisco: Colección Adriano Marques de Magallanes. Vigo, Excmo. Ayuntamiento, 1992.
Faraldo, Ramón: Grandío. Compostela, Xunta de Galicia, 1992.