Comentarios
Na I Bienal de Marbella, que tivo como tema plástico, proposto polo crítico Ramón Faraldo e aceptado polo xurado presidido por D. Xosé Camón Aznar, a Venus do Espello de Velázquez, a obra de Tino Grandío foi galardoada co Primeiro Premio.
Esta é unha versión da peza premiada, que se atopa no Concello de Málaga. Existe unha terceira interpretación do autor sobre este tema e nas tres versións, realizadas no mesmo ano, traslúcese a admiración e o respecto que o autor sentía polo mestre andaluz.
Na Bienal esixíase que na obra se mantiveran as medidas do lenzo de Velázquez. Tino Grandío concibiuse unha peza que, a pesar das limitacións impostas, reflicte a súa liberdade e a súa personalidade como creador, mantendo os dous elementos que mellor definen ó espido da National Gallery, a sensualidade e a luz.
Neste caso, a diferencia das outras dúas recreacións, o autor non representa a cabeza da figura e o espello está levemente insinuado. O seu interese céntrase no deseño do corpo, acentúa a voluptuosidade do espido ó incidir na profundidade das curvas. A silueta está claramente definida mediante un contorno preciso onde domina a liña ondulada, que se suaviza gracias á pincelada acabada e coidada que acaricia a superficie da pel.
A cor está perfectamente estudiada para transmiti-los efectos de luz desexados en cada momento, destacando, ocultando ou suxerindo diferentes zonas da anatomía feminina. A calidez dos tons rosados en contraste cos grises e os azulados destacan a tersura da pel e confírenlles ás carnacións un aspecto difuminado e sensual. A luz modela a anatomía, resalta os glúteos e oculta os segredos íntimos desta enigmática muller cun rostro velado, que sempre foi o seu maior misterio.
EXPOSICIÓNS:
"Secretos del Desnudo". Fundación Caja de Granada.
REPRODUCCIÓNS:
"Secretos del Desnudo". Catálogo. Fundación Caja de Granada, páx. 70.