• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

BERTA CÁCCAMO

Álvarez Cáccamo, Berta

( Vigo, 1 de septiembre de 1963 - Coruxo, Vigo, 11 de mayo de 2018 )

Biografía

Berta Cáccamo desenvolveu unha traxectoria que salientou pola súa rigorosa achega ao debate pictórico contemporáneo. Trátase dunha artista intensamente reflexiva que sempre situou as súas procuras inseridas nos debates sobre o sentido da pintura, no contexto internacional.

Licenciada en Belas Artes (Barcelona) e doutorada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, nun período de inicial consolidación da súa obra obtivo o II Premio na XXI Bienal de Pontevedra e gozou dunha estadía na Cité Internacional des Arts en París entre 1990 e 1991. Continuou a súa formación en Italia, onde foi bolseira na Academia de Roma. A súa traxectoria levaríaa a ser profesora na Universidade de Vigo e a recibir o Premio da Cultura Galega en 2017.

Nos seus comezos, nos oitenta, sen ser allea á pulsión expresionista do momento, optará por uns procesos máis reflexivos. O impacto atinxido polo seu traballo desta altura fará que estea presente en importantes colectivas en España, Europa e nos EE.UU.

Nestes anos parte dun peso importante do matérico e elabora obras que son produto dunha longa xestación en que o sígnico e mesmo o simbólico teñen un papel relevante, aspectos que irán perdendo importancia. Así gañará entidade o puramente plástico, os pigmentos e a mancha, dotados dunha fonda contención.

A súa obra chega a unha primeira madurez a finais da década dos oitenta (Carta dun mar negro, 1988) e comezos dos noventa, apoiada nun esencialismo que se percibe na simplificación dos cadros reducidos ao elemental, como nun contexto diferente fixo Joan Miró. Crea un auténtico alfabeto plástico, baseado en correspondencias e contrastes entre formas e cores, e tende a unha expansión modulada.

Nesta altura a súa é unha pintura feita por redución, cun forte peso do baleiro (Praia de Baleo, 1995). O oriental, o ideograma e, en xeral, o sígnico toman corpo no seu traballo e aparece a lembranza de Tàpies e Miró como un eco lonxincuo mais recoñecible.

Nos primeiros anos do novo século afonda nunha liña de depuración formal. O que antes era cita, como podían ser as formas de inspiración caligramática, son agora referencias máis evocativas e cifradas.

Na tensión entre o rigor formal e o lirismo, as súas estruturas magmáticas ou as súas liñas enleadas son sempre signos cifrados, fluídos e manchas cheas de suxestións, produto dunha fonda análise que fica detrás do lenzo.

Na súa obra final o signo foi transformándose en fluído, en berro, nun proceso que nos leva desde as tramas circulares ata a mancha. Mantense, porén, unha actitude común coa obra anterior, que se concreta na vontade de evitar o espectacular. Prefire sempre o rigor, que acaba por configurar unha especie de expresionismo ascético. Este espazo en expansión, construído polo xesto e pola mancha (Vertedura núm. 14, 2006), consegue provocar sobre todo unha chamada de atención sobre o puro feito pictórico e a súa capacidade de comunicación, un dos aspectos fundamentais da reflexión sobre o papel da pintura no momento actual.

 

Carlos L. Bernárdez

Bibliografía

ÁLVAREZ CÁCCAMO, X. M.: Berta, Chan da Pólvora, Santiago de Compostela, 2019.

BERTA Cáccamo, expansión ensaio, CGAC, Santiago de Compostela, 2017.

BERTA Cáccamo, Centro Torrente Ballester, Ferrol, 2001.

BERTA Cáccamo. Pinturas 1999, Galería VGO, Vigo, 1999.

BERTA Cáccamo, Deputación Pontevedra, Pontevedra, 1997.

BERTA Cáccamo, Unión Fenosa, A Coruña, 1994.

ENTEIRAMENTE pintado, rexistros dun percorrido vital, Chan da pólvora, Santiago de Compostela, 2019.

Obra

  • VERTIDO Nº 14

    VERTIDO Nº 14 2006

  • Carta de un mar negro

    Carta de un mar negro 1988

  • Sin título

    Sin título 1996

  • Sin título

    Sin título 1996

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2026© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78