Francisco Castro recibe o XIX Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego
Afundación, a Obra Social de ABANCA celebrou esta mañá no Café Moderno Afundación de Pontevedra o acto de entrega do XIX Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego, outorgado a Francisco Castro polo seu artigo «Coiden da música» publicado en La Voz de Galicia.
Acompañaron o premiado, ademais das outras dúas persoas finalistas, Cláudia Morán e Diego Giráldez, o director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar, quen abriu o acto recordando que «con cada edición deste galardón que convocamos, contribuímos a dinamizar o panorama cultural de Galicia, e iso, para nós, significa materializar o compromiso adquirido para impulsar o coñecemento a través da cultura». Quixo tamén trasladar ás persoas finalistas os «parabéns por esta distinción, porque a concorrencia constante a este certame reflicte o interese por unha prensa de calidade escrita en galego e que, da man dos novos valores das nosas letras, procura satisfacer as demandas esixentes da sociedade». Xunto a el estiveron Víctor Freixanes, presidente do xurado; Carlos Valle, secretario; Fina Casalderrey, vogal; Míriam Ferradáns, vogal; e Gloria Rodríguez López, vogal.
Tras as palabras introdutorias de Pedro Otero, Camiño Noia, escritora, filóloga e profesora emérita da Universidade de Vigo, abordou no seu relatorio a figura de Francisco Fernández del Riego, a quen se lle dedicará o Día das Letras Galegas no vindeiro 2023. A raíz desta homenaxe, Afundación decidiu convocar xa, coincidindo con este acto de resolución, a vixésima edición do Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego, que presentará as súas persoas finalistas no próximo mes de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas.
A continuación, Carlos Valle, secretario do xurado, procedeu a ler a acta. Nela os xurado constataba a dificultade na elección debido á elevada calidade dos tres textos, e como, tras intensas reflexións «Coiden da música» resultara seleccionado.
Finalmente, o presidente do xurado, Vítor Freixanes, destacou o compromiso de Afundación coa cultura e quixo acentuar o valor do «talento, que no caso das tres finalistas foi poñer en palabras as emocións e sentimentos profundos que todos temos. Os vosos traballos son moi intensos e están moi ben escritos, vén unha nova xeración de escritoras nos xornais: as xornalistas literarias que engrandecen a nosa literatura».
Francisco Castro quixo destacar «o agradecemento e a emoción de poder contar co Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego. E quero agradecer a Afundación, a Obra Social de ABANCA, o apoio ao xornalismo, e, en concreto, ao xornalismo en galego. O seu papel é fundamental». Tamén recoñeceu o valor de quen o acompañaron na candidatura de finalistas, Diego Giráldez e Cláudia Morán.
As imaxes, a biografía e o artigo gañador de Francisco Castro están dispoñibles aquí.
Nesta ligazón están as imaxes do evento.