Ernesto Sevilla, o espectáculo Nymeria de Pablo Méndez, Dani Mateo ou a Real Filharmonía, no Auditorio Afundación Pontevedra
Monólogos, teatro, música, maxia, e a estrea mundial de Nymeria, o novo proxecto de Pablo Méndez Perfomances. Un total de 8 espectáculos conforman a oferta de cultura e espectáculos do Auditorio da Sede de Afundación en Pontevedra durante o mes de novembro. Trátase dun cada 4 días. As entradas xa están á venda en Ataquilla.com.
Para a primeira das funcións, a de Nymeria, son moi escasas as butacas que quedan dispoñibles. O mesmo sucede co espectáculo de Dani Mateo, o último dos programados, o día 29. Para a proposta do actor e humorista Ernesto Sevilla, que este sábado inaugura a oferta cultural do mes, xa non quedan entradas.
A estrea de Nymeria será o día 15 de novembro e acábase de engadir outra data, o día 16. Oito días antes será a Real Filharmonía de Galicia (RFG) quen interprete por primeira vez a obra breve Cometa, da compositora Núria Giménez-Comas. A composición, que é unha das 16 encargadas pola RFG a 8 creadoras e creadores de Galicia e a outros tantos do resto de España para celebrar as súas tres décadas de historia, abrirá o programa do concerto da orquestra en Pontevedra o 7 de novembro. A RFG, que estará dirixida pola alemá Ruth Reinhardt, tamén intepretará composicións de Hubert Parry, Detlev Glanert, e Johannes Brahms. A sesión musical está organizada en colaboración coa Sociedade Filarmónica de Pontevedra.
Concerto benéfico e Pijama para seis
A programación continúa o 12 de novembro tamén con música. A Fundación Provincial Banco de Alimentos celebra o seu 30º aniversario cun concerto no que intervirán a Unidade de Música da Escola Naval de Marín e a Coral Polifónica de Pontevedra. O programa contén unha mestura de música clásica e popular dos últimos séculos. A velada musical concluirá con ambas as formacións musicais interpretando conxuntamente Vai pensiero, de Giuseppe Verdi. A recadación destinarase de forma íntegra á compra de alimentos de primeira necesidade.
E dous días despois chega Pijama para seis, unha nova cita coa Tempada de Abonos de teatro de Afundación en Pontevedra. Escrita polo dramaturgo francés Mar Camoletti en 1987 e protagonizada agora por Gabino Diego, xira ao redor do amor, dos celos, ou da confianza. Completan o elenco Isabel Gaudi, Amaia Vargas, Sabina Praga, Jesús Cisneros.
Propostas escénicas diversas
Na segunda metade do mes, o público poderá asistir a unha oferta de espectáculos escénicos moi diversos: primeiro será a aposta inmersiva de Nymeria, os días 15 e 16; despois o espectáculo de maxia de Shado, o mago «Cleptomago», o día 21; e chegará un día máis tarde, o 22, unha cita para o público que prefire o teatro clásico coa representación de 1888. A Señorita Xulia. Xa o dia 29, Dani Mateo poñerá o broche á programación do mes.
Nymeria é unha proposta inmersiva para todos os públicos que convida a vivir unha viaxe pola galaxia chea de maxia, emoción e descubrimento. Desde o primeiro instante, os espectadores convértense en tripulantes dun transbordador espacial que os levará a diferentes mundos fantásticos ata alcanzar Nymeria, un destino final cegador onde todo é posible. A obra combina teatro visual, circo contemporáneo e tecnoloxía escénica de vangarda.
A Nymeria sucédelle, na programación, o show do televisivo mago Shado. O prato forte do seu espectáculo é o pickpocket, unha arte pouca vista en España onde o ilusionista demostra unha gran habilidade roubando obxectos dos voluntarios á vista dos espectadores.
Xa o día 22, será tempo de 1888. Señorita Xulia, unha nova versión da obra case homónima que dirixen e protagonizan Iria Ares a Xoán Carlos Mexuto. A obra conta o sucedido despois de que a protagonista feminina, Xulia, decida participar nunha festa dos servos do seu pai, seduza a un deles, de nome Xoán, e apareza morta, quizais porque se suicidou. Ares e Mejuto propoñen unha versión rompedora do texto orixinal escrito polo dramaturgo sueco August Strindberg no ano 1888.
«Cultura por alimentos»
As persoas que asisten aos espectáculos poden colaborar co programa solidario de Afundación «Cultura por alimentos». Terán á súa disposición uns contedores nos que depositar alimentos non perecedoiros que serán distribuidos por FESBAL entre familias en risco de exclusión de Pontevedra e a súa área de influencia.
Hai imaxes algúns dos espectáculos nesta ligazón