
Entrevista de Afundación a Ledicia Costas, gañadora do XX Premio de Poesía Afundación
Ledicia Costas Álvarez (Vigo, 1979) acaba de ser distinguida co XX Premio de Poesía Afundación polo seu libro de poemas Ultraluz. Unha das autoras con maior proxección do panorama literario galego, é adoito coñecida pola súa faceta como narradora infantil e xuvenil e tamén para público adulto. Con Ultraluz recupera o seu interese pola poesía que tanto marcou, como ela mesma nos conta nesta entrevista que nos concedeu a Afundación, a súa etapa universitaria. Mergullada xa no proceso de creación da súa próxima novela, sobre o que mantén unha sorte de diario de traballo a través dun fío de Twitter, conversamos con ela sobre a importancia dos certames para a promoción da literatura, a relevancia do Premio de Poesía Afundación no noso sistema literario ou a innovación de temática que poderemos ler en Ultraluz, grazas a unha combinación de poesía e fantasía que cativou o xurado.
Bo día, Ledicia. Antes de nada, parabéns por Ultraluz e parabéns polo XX Premio de Poesía de Afundación.
Moitas grazas! Síntome moi orgullosa por este recoñecemento, porque había moito tempo, máis de dez anos, desde a última vez que publicara de xeito individual un libro de poesía, Xardín de inverno, que xa non está dispoñible. E agora, tras todo ese tempo, decidinme a participar no Premio de Poesía Afundación con Ultraluz case coma quen lanza unha botella ao mar. Estou entusiasmada, tanto co recoñecemento como co feito de que vaia estar publicado en tan pouco tempo!
Que é Ultraluz?
Ultraluz é un bosque. É un bosque con sombra e con luz. É un lugar fantástico, ateigado de criaturas da cultura popular, como o demogorgon, o kodama ou o oitavo pasaxeiro, e tamén de escuridade, de morte, unha constante na miña obra, un tema que me latexa dentro, que aquí abordo a cabalo coa fantasía, outro tema recorrente en min.
Pero, ademais, en Ultraluz están os espazos de protección que nós mesmas construímos como refuxio e que son, precisamente, os que dan título a este libro, co que continúo desenvolvendo o que me gusta: a creación dun novo universo, sentíndome completamente libre e sendo descarnada, xuntando fantasía e poesía. É un espazo de intimidade con vocación de ser compartido, porque Ultraluz fórmase arredor dunhas sombras, duns pensamentos intrusivos contra os que, por veces, non sabemos como pelexar. Esta experiencia que eu relato aquí como propia é algo que compartimos moitas, que nos acaba conectando.
Tratar ese efecto que en nós causan os pensamentos intrusivos resulta complexo, pero, para min, escribir sobre eles, verbalizalos convértese nun antídoto.
Daquela, á Ledicia Costas narradora de literatura infantil e xuvenil e de público adulto, engadimos a poeta?
En realidade, nos meus anos de universidade era lectora e escritora de poesía. Ben é certo que logo me centrei na literatura infantil e estou moi satisfeita da acollida dos meus libros, da conexión tan duradeira que me permitiu co público, e que despois continuou ao medraren e escribir eu para persoas adultas. Síntome moi orgullosa, por exemplo, cando nas feiras vexo esas ringleiras nas que as nenas e os nenos que antes lían Escarlatina agora están con Infamia.
Que supón para ti ser distinguida co Premio de Poesía Afundación, nun ano no que estás recibindo tantos galardóns?
Si, este ano está sendo incrible. Pero o certo é que para min cada premio é un milagre. E neste caso, recibir o Premio de Poesía Afundación vívoo como un privilexio. Estamos falando do certame de poesía máis importante en Galicia, do de maior dotación tamén, e o seu xurado valorou a miña obra! Estou vivindo este recoñecemento con verdadeiro entusiasmo! Como che dicía, a última vez que, de maneira individual me mergullei na poesía, foi nun libro editado hai unha década. Por tanto, podes imaxinar que, cando me decidín a presentarme, fíxeno con certa prudencia. Porén, tamén con ánimo. O ano pasado, invitáronme a recitar uns versos de Xela Arias coa Orquestra Vigo 430, e ese momento no escenario, lendo a Xela, devolveume á poesía. E agora este premio anímame aínda máis a recuperar a creación poética.
Este impulso que ti mesma confirmas a raíz de recibires este galardón falaríanos tamén da relevancia dos premios na dinamización da nosa literatura?
Sen dúbida! Os premios son fundamentais para animar a lectura e a escritura. Pola banda das autoras, os certames motívannos na creación de obras, tanto polo propio recoñecemento e prestixio do premio en si, como pola dotación económica que supón. E no caso do Premio de Poesía Afundación moi especialmente! É moi necesario desmitificar a imaxe da escritora solitaria, refuxiada nunha casa nun monte bucólico escribindo ritmicamente. Iso non sucede! O proceso de creación dun libro demanda moito esforzo, moita dedicación. De aí o fío de Twitter que iniciei como unha sorte de diario de traballo arredor da novela que estou escribindo. Necesitamos valorar o proceso creativo para coñecer canto custa construír unha obra, que é o resultado da conxunción de esforzo e talento. Os premios axudan moitísimo nese sentido, son motores para a creación, porque nos animan a continuar, nos axudan a delimitar prazos e a saber rematar. De feito, eu son escritora grazas a presentarme a todo tipo de concursos desde pequena.
Pola banda do público, os premios son un aval. Unha obra distinguida nun certame conta cunha atención mediática e unha visibilización extraordinarias, o que garante a súa presenza en espazos que, doutro xeito, serían verdadeiramente impensables. Ademais, os premios provocan unha especie de efecto contaxio que, no caso actual da literatura galega é moi salientable. Contamos nestes momentos con autoras e autores extraordinarias que están sendo recoñecidas en certames de primeiro nivel. Isto provoca que nos miren, pero tamén que nos miremos desde dentro, e que se inicien novas carreiras grazas a eses azos impulsados por ese recoñecemento. A partir de aquí, imaxínate: comezan as traducións, a visibilización da nosa literatura noutras linguas... Está ben claro que os premios son imprescindibles para a creación e para a lectura! E para min é un privilexio que un xurado valorase Ultraluz neste XX Premio de Poesía Afundación. Estou entusiasmada!