Afundación inaugura, en colaboración con ABANCA, «Arte e humor. O enxeño de Antonio Mingote» na Pobra de Trives
ABANCA, Afundación e o Concello da Pobra de Trives inauguraron hoxe a exposición «Arte e humor. O enxeño de Antonio Mingote», nun acto na Sala de Exposicións do Edificio Santa Leonor da Pobra de Trives e que contou coa presenza de Patricia Domínguez Barja, alcaldesa da Pobra de Trives; José Luis Vidal, concelleiro de Cultura da Pobra de Trives; Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de ABANCA en Ourense, e Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo.
Organizada en colaboración coa Fundación Antonio Mingote, esta mostra percorre a historia da arte a través da mirada do aplaudido debuxante. Poderase visitar dende o 16 de abril ata o 16 de maio na Sala de Exposicións do Edificio Santa Leonor da Pobra de Trives. O horario será de luns a venres de 10.00 a 13.30 h e os sábados e festivos de 11.00 a 14.00 h.
«Arte e humor. O enxeño de Antonio Mingote»
Desde que con tan só 13 anos publicara o seu primeiro debuxo en Gente Menuda, a súa traxectoria e éxito foron imparables. En 1946 empezou a colaborar como debuxante en La Codorniz, onde permaneceu ata 1953. Posteriormente incorporouse ao diario ABC, no que estivo debuxando durante máis de cincuenta anos ata o momento da súa morte. Tamén colaborou con numerosos medios escritos como The New York Times, The Daily Telegraph, Blanco y Negro, Semana, Ínsula ou Interviú.
Compaxinou o seu labor de debuxante co de xornalista e novelista e chegou a publicar máis de corenta obras, ademais de participar en pezas de teatro, cine e televisión. A súa extensa traxectoria foi recoñecida con innumerables premios e distincións, entre os que destaca, por exemplo, o mérito de ser o primeiro debuxante en formar parte da Real Academia Española (RAE). Recibiu a Cruz de Caballero de la Orden de Isabel la Católica, o Premio Nacional de Periodismo en 1980, a Medalla de Oro del Ayuntamiento de Madrid en 1995, a Medalla de Oro ao Mérito no Traballo en 1996, os doutoramentos honoris causa polas universidades de Alcalá de Henares e Rey Juan Carlos e, incluso, os recoñecementos como Alcalde Honorario do Parque de El Retiro en 1982 e como Cartero Honorario de España en 1998, entre outros moitos.
Esta exposición é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
Imaxes da inauguración, dispoñibles AQUÍ