A avoa xerada por IA que triunfa na internet, iaia Visenta, e o seu creador, en Afundación
Fala a iaia Visenta e dálle recomendacións á xente máis nova sobre os seus teléfonos intelixentes: «Que si, que o trebello serve, pero non é o teu amigo. Son luceciñas para a cabeza para deixarcha plana». Con esa franqueza fala ela sempre; outra das súas máximas é esa na que asegura que non quere que lle envíen flores cando faleza: «Quero chamadas mentres viva». A iaia Visenta non é exactamente unha avoa: é un personaxe creado con intelixencia artificial (IA). Ten máis dun millón de seguidores en redes sociais e dá consellos sobre acoso escolar, educación, tecnoloxía e feminismo; tamén sobre a sociedade actual. Ela e o seu creador, o produtor audiovisual valenciano Manuel Rossell, impartirán a terceira das conferencias que o ciclo «Educación Século XXI» dedica neste semestre á IA. Será o mércores 22 de abril no Auditorio da Sede de Afundación na Coruña ás 19 horas. A asistencia é de balde previa inscrición en Ataquilla.com.
O ciclo «Educación Século XXI», que a Obra Social de ABANCA organiza desde 2016, é un punto de encontro para a reflexión e a divulgación de coñecemento para a comunidade escolar. Nos primeiros meses deste ano, as súas actividades tratan sobre temas relacionados coa IA, tales como a súa utilidade e os seus riscos como ferramenta educativa, ou os retos que expón como fenómeno social. A iaia Visenta e Manuel Rossell referiranse, na súa conferencia do ciclo «Educación Século XXI», a como a tecnoloxía está cambiando a forma na que aprendemos e nos relacionamos, propoñendo un uso consciente e responsable da IA que poña o foco nos valores, a emoción e o pensamento crítico.
Dobre sesión
As actividades do ciclo «Educación Século XXI» realízanse en dobre sesión. Os conferenciantes convidados reúnense de mañá con alumnado e docentes de ESO, bacharelato e ciclos formativos. Así sucederá tamén coa iaia Visenta e Manuel Rossell. A conferencia con estudantes e profesorado do día 22 será a partir das 11 horas na Sede de Afundación. Xa ás 19 horas celébrase a conferencia aberta ao público xeral, cuxo título é «Iaia Visenta: Instrucións para ser humano ditadas por unha avoa robot cun millón de seguidores».
En ambos os casos, a mensaxe central da sesión xira en torno á ética dixital e a importancia de manter a humanidade nun contexto cada vez máis tecnolóxico. Manuel Rossell sostén que a intelixencia artificial non debe entenderse como o fin da creatividade, senón como un exame sobre a nosa propia capacidade para comunicarnos e establecer límites claros.
«Cultura por alimentos»
As actividades «Educación Século XXI» son parte do programa «Cultura por Alimentos», de Afundación e a Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Na sede de Afundación hai colectores para recoller doazóns de alimentos non perecedoiros. O Banco de Alimentos Provincia da Coruña encargarase da súa distribución.
Hai imaxes de iaia Vicenta nesta ligazón