Descubre o mundo das plantas aromáticas - Espazo +60 Pontevedra
Propoñémosche unha experiencia práctica e participativa para achegarte ao fascinante mundo das plantas aromáticas e descubrir o doado que é integralas no teu día a día, xa sexa na casa, nunha terraza ou nun pequeno balcón.
Ao longo da sesión, as persoas participantes coñecerán unha selección de plantas aromáticas habituais, identificando as súas características, propiedades e usos tanto na cociña como no benestar diario. Tamén aprenderán os coidados básicos necesarios para mantelas sas: rega, luz, tipo de substrato e consellos prácticos para o seu cultivo en espazos reducidos.
Como parte da actividade, realizarase un pequeno obradoiro de sementeira no que cada persoa poderá plantar a súa propia aromática, levando para a casa unha planta coa que comezar o seu propio recuncho verde. Unha oportunidade ideal para reconectar coa natureza, adquirir hábitos sustentables e gozar dun lecer saudable.
Actividade de pago: 15 €
Inscricións no Espazo +60 de Pontevedra.