Afundación acolle na súa sede da Coruña a proxección do documental '20 días en Mariúpol'
Afundación, a Obra Social de ABANCA, acollerá o vindeiro mércores 22 de outubro ás 19.30 h na súa sede da Coruña o aplaudido e galardoado documental 20 días en Mariúpol, dirixido por Mstyslav Chernov, no que se narra, con imaxes gravadas durante o asedio ruso á cidade en febreiro e marzo de 2022, os vinte días en que el e o seu equipo de Associated Press permaneceron atrapados documentando bombardeos, hospitais atacados e o sufrimento da poboación civil ucraína. O material, evacuado a duras penas tras case un mes, converteuse nunha proba crave dos crimes de guerra e nun testemuño esgazante da invasión. A película obtivo gran recoñecemento internacional e gañou o Oscar ao mellor documental en 2024, sendo a primeira produción ucraína en logralo. Á súa lista de recoñecementos súmase un premio Bafta e un galardón en Sundance.
O evento é unha iniciativa da Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA-Ucraína), ONG con sede na Coruña que envía axuda humanitaria a Ucraína e apoia ás persoas refuxiadas en Galicia. As entradas están á venda a través de Ataquilla.com.