Pastores

- INV:
- 9146
- Año de creación:
- 1977
- Dimensiones:
- 2 x 18 x 18
- Técnica:
- Barro
Comentarios
As figuras dos nacementos de Baltar están investidas dunha extraordinaria dozura e humanidade. Inspíranse en xentes entrañables e humildes que o autor, en moitos casos, coñeceu persoalmente. O material empregado é o barro policromado, o que enriquece a obra e acentúa a expresividade das figuras creadas directamente cunhas mans que delatan coñecementos da arte tradicional galega.A Virxe María é unha muller sinxela e repousada que se presenta sentada e descalza, cunhas vestiduras alegres e coloristas, case populares polas súas formas decorativas. Sostén ao Neno Xesús, gordiño e xoguetón, que dirixe cara a ela a súa mirada mentres súa nai mantén unha actitude contemplativa, chea de dozura. San Xosé, co rostro envellecido, recorda a un pelegrín cansado camiño de Compostela. Os seus ollos entornados delatan que está dormido, posiblemente soñando coa Matanza dos Inocentes, premonición pola que deciden fuxir a Exipto.
A Sagrada Familia está acompañada de dúas pastorciñas, cuns rostros cargados de devoción e espiritualidade que constitúen o mellor exemplo da capacidade do autor para trasmitir emocións e sentimentos universais. O único elemento de referencia escenográfica e espacial é o tronco da árbore que sitúa as figuras nun contexto natural e simbólico.
A forza expresiva das faces identifica aos personaxes transmitindo os ideais relixiosos que caracterizan a cada un deles, A Gracia, a Serenidade e a Fe.