• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

BALTAR

Baltar Santos, Arturo

( Noalla, San Cibrao das Viñas, Ourense, 1924 - Cachamuíña, Pereiro de Aguiar, Ourense, 2017 )

Biografía

É Arturo Baltar Santos unha personalidade singular na plástica artística ourensá e galega. Escultor apegado á súa terra, fixo da terracota o seu medio de expresión fundamental. Desde unha dura vida familiar en Quintás da Barra, Coles, onde vive coa súa nai e cos seus irmáns tras regresar de Cuba, pasan á cidade para gañarse a vida. No contorno austero e de penurias derivado da guerra e posguerra, e dos valores tradicionais dunha relixiosidade popular, dun mundo e tempo que o marcará. Viaxa nos anos corenta cun grupo xitano ata Andalucía, bailando e cantando como “El Niño de la Alhambra”, periplo que remata en 1946, recalando en Madrid. Aquí vive en 1951, e descobre a Goya e O Bosco. Regresa a Ourense e entra na Escola de Artes e Oficios. Obtén premios de modelado en 1954 e 1956, cando era profesor Antonio Faílde, ao que sempre considerou o seu mestre, e un accésit en 1955, que suma ao de 1952 en debuxo artístico. Non obstante, para Baltar importa máis que a obra individual comunicar a sensación, que se decanta desde o sentido do conxunto, terreo este no que lle amosa o camiño Antonio Berjano, artista do barro e profesor. As súas temáticas populares, expresadas con dozura e candor, e a aplicación da policromía, serán a súa quintaesencia. De Virxilio Fernández, amigo entrañable, toma o tratamento da cor e temas, e desenvolve ademais a súa vertente debuxística, co acento posto arredor dos santos nos desenvolvementos xeométricos de labor de gancho, tan femininos. Son estes calados, simétricos e curvilíneos, a forma do seu mundo.

A súa formación é práctica. Con Quessada viaxou por Francia e Holanda, aplicando as leccións de Chagall, Rembrandt e Vermeer nos seus minuciosos escenarios, recreación de escenas evanxélicas situadas en espazos ourensáns, unha posta en escena iniciada co seu Belén en 1967, agora na capela de santos Cosme e Damián, ampliado con posterioridade. Cal Rodin nas Portas do Inferno Baltar foi facendo Misterios, cos seus nenos cantores e outros complementos, que engaden tenrura. Son escenas da vida rural co pretexto do Belén, en estruturas do patrimonio cultural do fondal ourensán, ou máis afastadas, ademais de vexetación e dos muros tradicionais que limitan os camiños. Nestes coloca os seus peregrinos, como os que van a Compostela. Un símbolo singular na súa produción é santo Ero, cuxa brumosa lenda casa coa súa vida, obra nacida desde a influencia de José Ángel Valente. A súa relación co núcleo de “O’Volter” lévao a ‘Sete artistas galegos’, en 1965, apadriñado en Santander por Otero Pedrayo, que se reencontrarán de novo en Ourense en 1995. Desde a aura do seu trato con Vicente Risco, Antonio Tovar ou Eduardo Blanco Amor, celoso gardián das esencias tradicionais, viviu das encargas e da venda directa á burguesía local, polo que apenas fixo un puñado de exposicións, no Museo Arqueolóxico, en 1975, e nos centros culturais de Ourense e CaixaVigo en 1992, e na Coruña en 1993, ademais das antolóxicas de Ourense e Salamanca en 2008 e 2009.

Na colección de Afundación atópanse dez obras en barro dos anos setenta, que evidencian o rico imaxinario persoal de Arturo Baltar.

Xabier Limia de Gardón

Bibliografía

TRABAZO, L.: Piedra, barro, bronce, Inst. de Estudios Orensanos, Ourense, 1978.

PABLOS, F.: Plástica Gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.

PABLOS, F.: Arturo Baltar, Caixavigo, Vigo, 1992.

Obra

  • Pelegrins en Compostela

    Pelegrins en Compostela 1980

  • Arbol

    Arbol 1977

  • Ero de Armenteira

    Ero de Armenteira 1975

  • Retablo

    Retablo 1980 - 1981

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2025© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78