Sin título
Comentarios
Trinta e nove obras da serie que o pintor denomina "Debuxos a tinta china, coloreados", de 25 x 18 cm e 33 x 25 cm, todos asinados e datados no 77, dezasete, no 76, un, e no 78, outro; os demais están sen datar. Neste conxunto de obras mestras, cunha liguaxe polivalente, fai alarde da súa grande capacidade para compoñer e trazar liñas, creando ambientes e confiando na forza expresiva do xesto e maila cor. Para achegármonos a estes debuxos, tódalas propostas son válidas, ningunha é exclusiva, a súa linguaxe suxírelle mundos diferentes a cada espectador. Por expreso desexo do seu autor, non analizamos estas obras separadamente, agrupámolas por motivos, indicando certos rasgos comúns a algunhas e mais especificando determinadas características noutras.MULLERES, ergueitas ou tumbadas, soas ou en parella, cabezas ou bustos, con liñas esquemáticas puras, con alusións surrealistas ou con expresións dramáticas de inspiración picassiana.
FIGURAS, que se desarticulan e despezan nun ton burlista e irónico, respondendo á estética propia do mundo do soño do pintor.
PEQUEÑOS MONSTRUOS, expresivos e sardónicos, con cabezas enormes, con rostros grotescos, que se abren en dúas pezas coma se tivesen fendeduras, descubrindo espacios que doutro xeito non existirán.
XIGANTES, seres irreais, cunha forza misteriosa, de carácter toténico, de grande valor plástico.
GRUPOS, de figuras e de formas enlazadas, cinguidos en espacios estreitos, a punto de estoupar con furiosa enerxía fóra do marco do papel.
SIGNOS ARABESCOS, punto, raias, trazos insignificantes, configúranse dentro dun contorno negro con machadazos de cor determinados por movementos rápidos e enérxicos.
FORMAS FLUCTUANTES, sobre un espacio escuro, suxerindo posibilidades de cambio e trasladándonos ó mundo máxico, abstracto, do imaxinativo.
Inclúense nesta serie: "Un árbol", de exquisita sensibilidade, "Un búho", de intensa mirada, "Un cristo", sentado, vivo, fóra da iconografía habitual; dous gaiteiros, un barbudo, con figuración clásica, ou outro, con liñas esquemáticas, moi expresivos os dous. Temas narrativos, coma "La familia que abandona la aldea" , camiñando en primeiro termo, en fermosa contraposición coa casa que deixa ó fondo. "Mujer con bastón", "La Avelina", figura corpulenta, que se impón andando, producindo a impresión de que ó seguinte paso vai saír do cadro.
Fai referencias a temas clásicos da Pintura. En "Familia sobre la hierba", combina unha muller núa cun home vestido, tema abordado polos impresionistas, glosado por Picasso e que antes presentara Giorgione. Coa agresividade do branco e o negro, contrastando cun friso de árbores, pinta "Mujeres tumbadas sobre negro", evocación de "Las doncellas a la orilla del Sena", de Courbet, glosadas tamén por Picasso. "Mujer sentada en un sillón" é un recordo de "La mujer turca", de Matisse. Por último, "Dos figuras", contrapostas nun espacio máxico, cunha misteriosa comunicación entre elas, de clara influencia mironiana.
Exposiciones
"Laxeiro". 1930/1980". Sala de Exposicións Caixanova. A Estrada. Pontevedra. Do 28 de febrero ao 31 de marzo de 2002. Casa do Escudo. Verín. Ourense. Do 4 de abril ao 5 de maio del 2002. Palacio da Música. Ponteareas.Pontevedra. Do 9 de maio ao 3 de xuño de 2002. Museo Provincial de Lugo. Lugo. Do 6 ao 30 de xuño de 2002. Sala de Exposicións do Auditorio Municipal Carmen Estevez. Vilalba. Lugo. Do 4 de xulio ao 18 de agosto de 2002. Sala Municipal de Exposicións San Francisco. Viveiro. Lugo. Do 22 de agosto ao 22 de setembro de 2002. Sala de Exposicións Antón Rivas Briones. Vilagarcía de Arousa. Pontevedra. Do 27 de setembro ao 27 de outubro de 2002. Sala de Exposicións do Teatro Coliseo Noela. Noia. A Coruña. Do 31 de outubro ao 24 de novembro de 2002. Museo Manuel Torres. Marín. Pontevedra. Do 28 de novembro ao 25 de decembro de 2002. Sala de Exposicións "Xosé Rey Lago". Culleredo. A Coruña. Do 2 de xaneiro ao 2 de febreiro de 2003.
"Laxeiro e amigos na Colección Caixanova". Museo Ramón María Aller de Lalín, do 8 de febreiro ao 9 de marzo de 2008.