LAXEIRO
Otero Abeledo, José
( Donramiro, Lalín, Pontevedra, 23 de febrero de 1908 - Vigo, 21 de junio de 1996 )
Biografía
O pseudónimo co que sempre asinou as súas obras José Otero Abeledo fixo que o seu verdadeiro nome quede relegado á intimidade, posto que o artista internacionalizou ese xentilicio. Conta Laxeiro que os primeiros estímulos os recibiu dunha mestra do seu ámbito rural infantil, que sempre lembra con emoción. Case autodidacta, a penas foi ás clases de debuxo na Escola de Artes e oficios de Vigo. Emigrou a Cuba, con seus pais, e alí traballou en tarefas artesanais que o ían achegando á arte, dende o gravado á vidrería. Vive en Galicia unha existencia bohemia e alegre, e a súa presencia en cafés e tabernas de Vigo é constante ata os anos cincuenta, en que marcha de novo a América, para residir bastantes anos en Bos Aires, onde realiza unha amplísima obra. Regresa de novo a España e traballa en Madrid e mais en Vigo, onde transcorreu a meirande parte da súa dilatada existencia. Pouco amigo de certames, a penas posúe outros galardóns cá medalla da Bienal de Pontevedra. Conta con museo propio, sala monográfica no de Castrelos de Vigo e unha ampla representación en tódolos de Galicia, así como en numerosas coleccións privadas de España e América. Laxeiro é imaxinativo, fantástico, irónico e ata mordaz. O folclorismo esperpéntico da súa nenez rural sublimouno mil veces na súa pintura, que se podería dividir en tres etapas claras: a inicial, apegada a eses mundos de fantasía, de barroquismo exultante, sempre cunha paleta sobria de terras e ocres; a segunda, probablemente a máis intensa e persoal, onde o negro e o carmín se enseñorean das teas, en escenas igualmente barroquizadas pero máis sobrias alternando o folclórico e o relixioso, desde unha visión personalísima, vagamente relacionable con Rembrandt, probablemente o seu artista máis admirado, nas que a ferocidade e a tenrura se xuntan ata inicia-lo esperpéntico, dito sexa como incondicional eloxio. A terceira etapa achégao a modos poscubistas, de clara raíz picassiana, na que esquematiza o seu doado e ás veces prodixioso debuxo, a base de figuras silueteadas, cunha liña de caprichoso grafismo fendido e cores planas e intensas, sempre co negro como dominante. Laxeiro é xa, por propio dereito, un dos artistas importantes da pintura galega contemporánea, cun aprecio xeneralizado ata case a mitificación. Caixavigo ten deste pintor unha representación excepcional, posto que o lote procede dunha colección particular da que o seu antigo propietario, amigo íntimo e protector do artista, non só puido escolle-lo mellor de Laxeiro, senón que o propio pintor, entrañable para a amizade, lle entregou o máis sobresaínte da súa ampla producción ó longo de bastantes anos. Unha mostra antolóxica esixente de Laxeiro non poderá prescindir dalgúns cadros da colección Afundación, aínda que estea moi ben representado nos museos de Galicia.
Bibliografía
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Pablos, Francisco: Laxeiro. A Coruña, Edit. Atlántico, 1981.
Pablos, Francisco: Colección Adriano Marques de Magallanes. Vigo, Excmo. Ayuntamiento,1992.
Ruibal, José: Laxeiro. Pontevedra, 1951.
Castro, X. A.: Antológica de la Bienal de Pontevedra. Diputación Provincial, 1985.
Gaya Nuño, J. A.: La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1970.
Campoy, A. M.: Diccionario Crítico del arte español contemporáneo. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1973.