Comentarios
Trátase dunha figura de tres cuartos, ladeada cara á dereita co rostro dirixido ó espectador. O personaxe, elegantemente vestido, cun abano de plumas e cunha coroa encol da cabeza, ocupa de arriba abaixo a composición, dominando unha paisaxe cunha lonxanía na que se divisan casas. Brétemas e veos traslúcidos envolven a raíña nunha atmosfera irreal con sensacións de movemento e lixeireza acadadas con texturas transparentes e xestos espontáneos en harmonía de morados e violetas que brincan con alaranxados, marelos, verdes e brancos.