• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

MARIETA QUESADA

Quesada Legido, María Teresa

( Vigo, 1962 )

Biografía

Nada nunha familia de numerosos e destacados artistas, é filla dos artistas Fernando Quesada e de Ana Legido. A súa vocación artística dalgunha maneira xa estaba escrita, pois afirma «o primeiro que nos compraban era papel e lapis de cores». Trasládase a Sevilla en 1982 para estudar Belas Artes na Facultade de Santa Isabel de Hungría, carreira que finaliza en 1987 con premio extraordinario e coa bolsa de paisaxe no Paular. Participa nunha mostra no Torreón de Lozoya (Segovia) representando a Sevilla xunto con persoas bolseiras doutras universidades españolas, e realiza a súa primeira mostra individual na Caixa de Aforros de Vigo en 1988; previamente xa obtivera a medalla de prata no Certame Novos Artistas. Tras varias exposicións en territorio nacional, en 1991 trasládase a París para traballar coa Galería de Arte Romanet, galería en expoñeraa en repetidas ocasións e na que realiza a súa primeira mostra individual con rotundo éxito de crítica e vendas dous anos máis tarde; a Unesco adquire unha obra, e a prestixiosa publicación Le Figaro magazine publica varias reportaxes da mesma. En 1994 unha obra súa é seleccionada para o Salón de Otoño na capital gala ─no que participa en futuras edicións─, e os éxitos sucédense. Ao longo da súa traxectoria expuxo en importantes cidades galegas e españolas, e tamén estranxeiras como París, Bordeus, Roma ou Colonia. Así mesmo, atópase representada en importantes coleccións europeas e americanas. Vinculada a Andalucía desde temperá idade, reside en Córdoba desde hai xa moitos anos. 
Na súa lírica pintura parte dunha base formativa clásica, na que se aprecia o seu bo facer no debuxo, para configurar unha poética persoal en constante procura da beleza, así como «unha tensión entre sensibilidade e forza». Sitúase entre o realismo e a figuración lírica; define o seu estilo como «figuración non realista, chea de suxestiones», e así mesmo asegura: «moitos dos meus cadros poderíase dicir que son expresionistas, no sentido literal da palabra. Encántame conseguir expresar expresións». Sostén que tenta suxerir o contraste entre o material e o espiritual da realidade. Aborda a temática relixiosa ─a máis soada da súa produción─, a paisaxe, o retrato ─cun protagonismo das súas refinadas figuras femininas idealizadas─, e a pintura mural, e a nivel técnico, traballa con sistemas tradicionais como as veladuras, aínda que ao mesmo tempo introduce elementos propios da pintura actual. Exprésase a través do pastel, a acuarela e o óleo, cun fluído cromatismo. 
Na Colección Afundación figuran catro obras pictóricas da artista viguesa datadas entre 1986 e 1996. Nas paisaxes recréase principalmente nas celaxes de tal modo que reflicte a súa gran capacidade para xerar atmosferas cun halo de romanticismo; en Pueblo xoga cos contrastes cromáticos e a rugosidade do soporte de papel, e en Paisaje resaltan uns elementos arquitectónicos puntiagudos ─lembran ás agullas ou chapiteles góticos─ que se erixen sobre un ceo entre amarelo e alaranxado. Nas obras nas que aparece a figura humana, a autora saca o máximo partido ás veladuras e transparencias; no cadro La reina y su reino, compón unha escena irreal chea de movemento na que destaca en primeiro plano a vaporosa imaxe dunha raíña, e cara ao fondo unha paisaxe con casas, e en Autorretrato tenta representar a súa personalidade con gran dinamismo e gestualidad. En todas luz, cor e movemento fusiónanse na persecución desas belas atmosferas persoais que pretenden deter o tempo.

Bibliografía

MARIETA Quesada, Casa de Galicia, Madrid, 2008.

TORRES, X.: Una infancia..., Caixavigo, Vigo, 1995.

VV. AA.: Colección Caixavigo: pintura, escultura, dibujo. Tomo 3, Caixanova, Vigo, 1995, pp. 296-299.

VV. AA.: Diccionario de pintores y escultores españoles del siglo XX. Tomo 12, Forum Artis, Madrid, 1994, p. 3483.

VV. AA.: Enciclopedia Galega Universal (EGU). Tomo 14, Ir Indo Edicións, Vigo, 2002.

Obra

  • Autorretrato

    Autorretrato 1991

  • La reina y su reino

    La reina y su reino 1986

  • Paisaje

    Paisaje 1996

  • PUEBLO

    PUEBLO 1989

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2026© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78