MUJER EN AMARILLOS
Comentarios
Atopámonos ante unha das temáticas máis recorrentes en toda a traxectoria artística de Seoane: a muller. Representada sen desempeñar ningunha acción, sentada coas súas mans sobre as pernas. Mulleres traballadoras que retrata como iconos rotundos, como símbolos da nai terra, da mater gallaeciae. Mulleres anónimas que nos presenta como auténticas deusas de Galicia, froito da admiración que sentía por elas, polo seu traballo no campo e cos animais, en épocas non demasiado boas para a economía galega, que sacan as súas familias adiante cunha forza excepcional. Todo isto se reflicte nas grandes formas dos corpos pintados por Seoane, e sobre todo nas mans excesivamente grandes, símbolo do traballo que pasou por elas.Na década dos 60', a pintura de Seoane chega aos límites do esquematismo (retrocederá despois cara a unha pintura máis figurativa na década dos 70'), evita todo detalle superfluo e queda co imprescindible, co máis importante, como podemos ver nesta pintura, herdanza da influencia de Picasso, o que coñece en 1949 e que marcará toda a produción posterior de Luís Seoane cunhas obras nas que encontramos una síntese xeométrica, as cores convértense en manchas planas, sen degradación tonal, sen perspectiva nin profundidade, sen volumes... pero que a pesar desta influencia cubista mantén sempre o seu carácter persoal e orixinal que fai que en calquera das súas obras sexa recoñecible a súa factura a primeira vista.
En Mujer en amarillos apreciamos un debuxo moi marcado, de trazo groso e negro, xeométrico e sintético, independente da mancha de cor, algo característico en Seoane. A paleta cromática ten a súa orixe no Fauvismo, outra das influencias das que beberá este pintor e que terá o seu resultado nunhas obras con cores que non se corresponden á realidade, rechamantes e vibrantes, como no caso que estamos observando.
Está claro que Luís Seoane, intelectual e estudoso, coñecía perfectamente as vangardas pictóricas a súa importancia para a historia da arte contemporánea, e delas tomou distintas influencias que fan que as súas obras teñan un carácter moderno e actual, aínda que non chegou a tocar a abstracción porque a súa intención era facer unhas obras facilmente entendibles para a xente, independentemente do nivel cultural que tivesen.