SEOANE
Seoane López, Luís
( Buenos Aires, Argentina, 1 de junio de 1910 - A Coruña, 5 de abril de 1979 )
Biografía
Nado en Bos Aires —fillo de emigrantes e formado en Galicia, onde exerceu a avogacía ata o seu exilio en 1936—, Seoane desenvolveu unha obra pictórica, literaria e editorial desde a Arxentina, que estivo orientada temática e formalmente cara á formación dunha conciencia histórica con capacidade de proxección sobre o presente, con Galicia como eixe, mais cunha vontade de completa universalidade, que tivo na creación do Laboratorio de Formas de Sargadelos, co seu modelo de integración das artes, unha senlleira concreción.
Seoane supera o modelo romántico, herdeiro da cultura galega de preguerra, e muda o realizado pola xeración anterior. No formal o pintor vai construír unha linguaxe plástica moderna, en sintonía cunha parte das vangardas internacionais. No temático, sen renunciar á representación de escenas e figuras inequivocamente galegas, dótaas dun sentido ideolóxico progresista (Cristo obreiro crucificado, 1975), que evidencia á vez a conflitividade e o ideal, cunha concepción que resalta o protagonismo do pobo como motor da historia, de aí a vontade e forza que transmite a súa obra, unha forza que reside nesa mestura de análise reflexiva e proposta de resistencia, realizada cun modelo de acción e produción tendente a unha visión da arte non como unha simple obra comprometida senón como parte dunha complexa e posible vía emancipadora.
Seoane usa na súa obra cores planas, simplificadas e traza figuras que se converten en emblemas de Galicia, con especial importancia a respecto do universo feminino (A chambra branca, 1969), que se nos ofrecen cunha intensa natureza plástica e icónica, que desde a modernidade suxiren o valor simbólico da pintura e da escultura medievais.
Nos seus óleos asistimos á evolución do seu estilo cara a un maior sintetismo. As pinturas dos anos cincuenta presentan feitíos de rexa estrutura (Bodegón con xerra e cebolas, 1943) e forte estatismo. Progresivamente vai gañando terreo o esquematismo e o dinamismo. Así alterna estes trazos nas formas sobre a cor e reproduce figuras hieráticas que se reducen a esquemas figurativos, de contido simbólico, con estruturas organizadas en planos con cores contrapostas, de enorme poder de suxestión.
Seoane traballa sobre a relación entre a superficie coloreada e a liña, problema que fora fundamental no labor de artistas como Léger ou Le Corbusier, nunha tendencia ben vizosa na evolución da pintura do século XX. A independencia da superficie da cor en relación coa contorna aséntaa Seoane por medio de trazos negros que estruturan as formas (Muller en amarelos, 1969). Afonda en aspectos da pintura entendida como proceso autónomo e lexible desde leis propias. Neste sentido, o seu labor é tamén debedor dos logros da súa plástica dos corenta e dos cincuenta, unha visión enriquecida pola súa experiencia sintética de ilustrador (Reunión con Leonardo, 1945), gravador (Guerreiro troiano, 1960) e muralista, xa que das primeiras tira a súa concepción da relación entre liña e plano de cor, independentes máis inseparables, e da segunda, a muralista, adopta a proxección monumental que acaba por transmitir nos seus óleos.
Carlos L. Bernárdez
Bibliografía
ALBERTI, R.: A la pintura, Edit. Losada, Buenos Aires, 1953.
BLUM, S.: Grabados de Luis Seoane, Esquema XX, Buenos Aires, 1961.
CAMPOY, A. M.: Diccionario crítico del Arte español contemporáneo, Ibérico Europea de Edit., Madrid, 1973.
CASTRO ARINES. J.: Luis Seoane, Dirección General de Bellas Artes, Madrid, 1963.
CUADRADO, A.: Dibujos de Seoane, Botella al Mar, Buenos Aires, 1950.
CHAMOSO LAMAS, M.: «Arte», en Galicia, Edit. Noguer, Barcelona, 1976.
GARCÍA SABELL, D.: Seoane, Edit. Galaxia, Vigo, 1954.
GARCÍA SABELL, D.: Seoane, Grabados, Edit. Galaxia, Vigo, 1965.
GARCÍA SABELL, D.: Carta ao pintor Luis Seoane. Sada, Ediciós do Castro, Sada, A Coruña, 1983.
GAYA NUÑO, J. A.: La pintura española del siglo XX, Ibérico Europea de Edit., Madrid, 1970.
IRIZARRY, E.: Escritores-pintores del Siglo XX A Coruña, Ediciós do Castro, Sada, A Coruña, 1990.
LUIS Seoane, obra cartelística, Fundación Luís Seoane, A Coruña, 1998.
LUIS Seoane, pinturas, debuxos e gravados, 1932 - 1979, Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago de Compostela, 2000.
MON, F.: Pintura contemporánea en Galicia, Caixa Galicia. A Coruña, 1987.
OTERO VÁZQUEZ, C.: Luis Seoane, Deputación da Coruña, A Coruña, 1991.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.
SEOANE, Caixavigo, Vigo, 1989.
SEOANE: razón e compromiso, Fundación Caixanova, Vigo, 2010.
SQUIRRU, R.: Seoane. Estudio crítico-biográfico, Edit. Dead Weigth, Buenos Aires, 1976.
SUCARRAT, F.: Luis Seoane, Ediciós do Castro, Sada, A Coruña, 1977.
VARELA, L.: Seoane, Botella al Mar, Buenos Aires, 1948.
V.V. A.A.: Luis Seoane. Mostra antolóxica, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela – Concello A Coruña, A Coruña, 1989.