SIN TÍTULO
Comentarios
Pintor de paisaxes urbanas, Cecilio Chaves mostra nesta obra unha grande influencia da fotografía, representando unha imaxe claramente acoutada dun fragmento da trama urbana, neste caso viguesa.O artista reproduce un tema de grande interese na arte actual, a relación co medio urbano e a súa cultura cotiá, buscando un vínculo emocional co espectador, cun paisaxismo inmediato, próximo, familiar, no que vive o propio artista, tratado con gran naturalismo e sobriedade, combinando tradición e visión contemporánea; é dicir reflexión sobre a paisaxe e captación do instante. Non é polo tanto unha paisaxe anónima, está viva.
A súa investigación da cor concrétase nun luminismo envolvente derivado da súa orixe gaditana, que condiciona unha pincelada solta case impresionista, pero cun traballado contraste de luz e sombra, con ese azul ceo, limpo e fresco, característico como fondo que lle dá natureza á súa obra.
O seu estilo é realista, cun gran estudo do detalle ao plasmar o mobiliario urbano.