CECILIO CHAVES
Chaves, Cecilio
( Cádiz, 1972 )
Biografía
A súa infancia e adolescencia transcorren na súa cidade natal, a que será principal fonte de inspiración da súa obra plástica. É á idade de doce anos cando descobre a súa vocación artística. Licénciase en 1996 en Belas Artes, na especialidade de Pintura, na Facultade de Santa Isabel de Hungría de Sevilla, obtén a bolsa fin de carreira “Fundación Rodríguez Acosta” de Granada ese mesmo ano, e posteriormente completa os seus estudos artísticos na Staatliche Hochschule Für Bildene Kunste de Frankurt, onde, entre outras cosas, realiza cursos de diferentes técnicas de gravado como a punta seca, a augaforte e a serigrafía. A súa primeira exposición individual ten lugar na Galería Melkart de Cádiz en 1996, á que lle seguen mostras en Galicia, Andalucía, Madrid e Berlín, principalmente. Tamén participa en feiras de distintas cidades como Oporto, Sevilla, Colonia ou Vigo, e na Exposición Transatlántica II que ten lugar en Montevideo e en San José de Costa Rica. Cultiva o seu labor como docente no seu estudio de Cádiz, onde reside na actualidade. Obtivo galardóns como o primeiro premio no Concurso de Pintura Rápida de Vejer de la Frontera (1995), accésit no Premio Durán de Pintura en Madrid (1998), Premio Arte Nova de Vigo (2009), Premio Goyuri de El Puerto de Santa María (2013), finalista na Bienal de Arte no Morrazo, en Cangas (2014) ou o primeiro premio Pintura de Badajoz (2014).
A pintura e o gravado son as técnicas máis recorrentes deste virtuoso debuxante gaditano. Cádiz, Sevilla, Vigo —lugar de residencia durante uns anos— e Berlín —onde realiza unha residencia artística— son as principais cidades que pinta, frecuentemente desde as azoteas e de día, aínda que nos últimos anos esas paisaxes urbanas solitarias e silenciosas, en ocasións, énchense de xente e vólvense nocturnas. Coñecido en especial por pintar as azoteas da súa cidade orixinaria, no seu universo artístico hai lugar tamén para as paisaxes de praias e retratos. Así mesmo no seu afán investigador destaca a conquista da terceira dimensión coas súas caixas escénicas de paisaxes. Normalmente pinta a partir de fotografías —a súa influencia é notable nesas imaxes perfectamente acoutadas de fragmentos da urbe— que actúan como bosquexos. Móvese nun estilo figurativo, que parte de modos clásicos con certas referencias a un neocubismo, e un realismo libre cunha pincelada solta case impresionista. Busca de maneira premeditada que contraste a súa perfección técnica cun certo aire de inacabado. A luz, principal protagonista do seu traballo, asolaga as súas obras de cor dun xeito que nos mergulla nun mundo case onírico e establece un vínculo emocional co espectador.
No óleo de gran formato Sen título (2007), que atopamos na Colección Afundación, o artista baixa das súas características azoteas e sitúase a pé de rúa para retratar unha cidade moi relevante na súa biografía, como é Vigo, dunha maneira clara e luminosa. Destaca o detallismo do mobiliario e a pureza do ceo azul, así como o traballo do claroscuro; logra transmitir a súa característica vitalidade e dinamismo. Chaves aborda a temática da relación co medio urbano a través dun paisaxismo cotián e próximo que transcende a súa aparente sinxeleza e apela ás nosas emocións ao observar o silencioso discorrer da vida urbana.
Bibliografía
BERNÁRDEZ, C.: Luces atlánticas, Caixanova, Vigo, 2008.