PAISAJE

- INV:
- 2716
- Año de creación:
- 1962
- Dimensiones:
- 95 x 119 x 0
- Técnica:
- Óleo sobre lenzo
Comentarios
A natureza fora sempre a inspiración, a orixe de toda arte, tamén da abstracción concibida na síntese de signos e cores que se converte, neste caso, no enlace, na ponte que conduce o artista a reencontrase coa imaxe.A comezos dos anos sesenta, Lago Rivera, un dos protagonistas da renovación do panorama artístico español dos cincuenta, abandona a súa paixón polo non figurativo para acaricia-la paisaxe iniciando o que será o máis persoal e definitorio da súa poética.
A beleza deste escenario vago e vaporoso, que se derrete ante a mirada cambiando case de estado físico nunha reveladora sublimación das súas formas, desvela todo o encanto do impreciso, as posibilidades líricas do non concreto.
As tonalidades ocres, marróns, rosadas e pardas adquiren personalidade propia e enriquecen a aparente banalidade do tema describindo unha atmosfera algodonosa, chea de matices, de ladeiras suaves e redondeadas na que apenas se distingue a masa arbórea. A pincelada extensa, empastada, descorre pola tea sen crear grumos nin relevo, esvarando polo lenzo basto en capas insistidas e sucesivas que contribúen a xerar unha imprimación borrosa, a manter ese difícil equilibrio entre concreción e suxestión entre realidade e soños.