Comentarios
A intensidade da cor impresiona nesta paisaxe nacida da luz do Atlántico que suxire a existencia duns espacios persoais e íntimos que perviven na memoria da autora como, en palabras de Román Pereiro, "unha concepción mental de sentimentos e lugares nos que ela sitúa a felicidade".
A partir da liña do horizonte estructura rigorosamente a mariña en dous niveis, dominados polo azul intenso dun ceo en calma e o verde mar, que morre na orela nunha secuencia interminable de pequenas e ledas ondas.
A pincelada plana e limpa da zona superior, que describe un degradado de azuis, contrasta co primeiro plano onde os trazos soltos e xoguetóns serpentean imitando miles de ondas de cores e a escuma branca recrea a caricia da auga na beira. A luz inunda toda a composición acentuando a riqueza cromática, permitindo que o azul e o verde mar se transformen nunha sinfonía de rosas, azuis, violetas, brancos...
A pintura recupera en Pury de Palacio o seu lugar e o seu espacio ó presentar un escenario recoñecible polo que é doado camiñar, un mundo de imaxes compartidas que tamén habitan en nós mesmos.
EXPOSICIÓNS:
"Pury del Palacio". Do 9 de abril ó 10 de maio de 2002. Sala de Arte da Fundación Celta de Vigo, Vigo.
REPRODUCCIÓNS:
"Pury del Palacio". Fundación Celta de Vigo.Vigo, 2002, s.p.