SIN TÍTULO
- INV:
- 2616
- Año de creación:
- 2001
- Dimensiones:
- 70 x 50 x 0
- Técnica:
- FOTOGRAFÍA SOBRE ALUMINIO Exemplar, 1/5
Comentarios
A importancia do azar estivo sempre presente na obra de Jorge Barbi. Xa na súa mostra Expolio, do ano 1989, presentaba as súas experiencias realizadas con elementos achados nun contexto rural. A orixe da obra exposta era o encontro de obxectos emprazados nun contorno natural que el ía recollendo nos seus percorridos e nos seus paseos para así conformar unha intervención única convertendo ó artista, como el mesmo definía, en “máis un medio que un protagonista”.Jorge Barbi é un artista polifacético que indagou na pintura, na escultura, profundando agora no mundo da fotografía. Nesta proposta de traballo, Argéntea, volve actuar co azar, sendo este o verdadeiro tema da serie, buscando a seducción do atopado e aceptando a relación entre arte e natureza.
Neste caso, a costa é o territorio de ensaio, utilízaa como obxecto e provedora plástica, da que extrae experiencias visuais, poéticas e semánticas sorprendentes xa que, como o propio autor revela, “Todas estas imaxes son fotografías de excrementos de gaivota realizadas entre o verán de 1996 e o de 2000, nunha liña de costa de 20 km. Posteriormente destaquei dixitalmente, cando o requiría, as figuras dos fondos, potenciando sen desvirtuar a súa forma orixinal”.
Tendo esto en conta, o labor do artista consiste en seleccionar os restos dos excrementos que máis lle interesan e se axeitan á mensaxe buscada: a suxestión de formas antropomorfas, de pictogramas. O material escollido implica aceptar non só a presencia da sorte no resultado final senón a necesidade dun tempo e un movemento determinado que contribúen a conformar esa imaxe evocadora.
Na dificultade do encontro destas aparencias baséase o extraordinario da obra xa que, como Jorge Barbi confesa, “A pesar da súa abundancia e renovación tras as choivas, a maioría [das formas] son amorfas, e nunha xornada de 10 km é posible non atopar, entre miles de manchas brancas sobre as rocas, ningunha cunha forma que non sexa máis ca unha suxestión. Esa escasa probabilidade converte calquera pequeno achado nunha excepción, e a súa busca exhaustiva e prolongada tras a primeira seducción, nun pulso máis co azar”.
Exposiciones
"Arco 2002". Do 14 ó 19 de febreiro de 2002. Galería Trinta. Palacio de Exposicións Juan Carlos I, Madrid.
"1984-2004.Vinte anos de creación artística en Galicia na Colección Caixanova". Do 26 de febreiro ao 28 de marzo 2004.Centro Cultural Caixanova. Vigo.
Exposición “Arte Galega 2D-XXI. Colección Caixanova” no Instituto Cervantes de París, do 25 de abril ao 30 de maio de 2008.