• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

JORGE BARBI

Barbi Alonso, Jorge

( A Guarda, Pontevedra, 1950 )

Biografía

Estuda Filosofía en Santiago de Compostela; con todo, a súa traxectoria vai estar estreitamente vinculada ao seu lugar de nacemento, A Guarda, onde reside e traballa na actualidade. Cunha formación artística autodidacta, inicia a súa actividade expositiva a comezos dos anos oitenta, e desde entón labrouse un prestixio tanto nacional como internacional, avalado por mostras en institucións como o MARCO (Vigo) ou o CGAC (Santiago de Compostela), así como en espazos galerísticos como a Galería Gamarra e Garrigues (Madrid) ou a Galería Juana de Aizpuru (Sevilla), e noutros países como Francia, Portugal, Italia, Alemaña, Rusia, Brasil etc.; cabe resaltar a súa presenza no pavillón galego da Expo´92 de Sevilla. Realizou destacadas intervencións en espazos específicos: na natureza, na Serra da Grova (Pontevedra), Roda de Isábena (Huesca), na Liébana (Cantabria) ou en Matsudai (Xapón); tamén na cidade, en pleno centro de Santiago de Compostela; e en institucións como o CGAC ou o Museo Patio Herreriano. A súa obra atópase representada en coleccións como a da Fundació ”la Caixa”, RENFE, Fundación Coca-Cola, Unión Fenosa, CGAC, Fundación Patio Herreriano, ABANCA, Fundación Mª José Jove ou a da Xunta de Galicia.       
Artista independente, a súa obra non se pode enmarcar nunha tendencia concreta. Inicia a súa carreira artística cunha pintura de tinguiduras surrealistas. Pronto comeza a empregar múltiples soportes, pois a diversidade técnica é inherente á súa produción de gran carga conceptual na que explora o debuxo, a fotografía, o obxecto atopado, a escultura, o vídeo ou as intervencións na natureza. O tempo e o lugar, xunto co azar, resultan fundamentais nun traballo ligado á natureza e baseado principalmente no «paseo» como medio para «observar e colleitar», así como para «documentar e fotografar», como sostén Juan de Nieves. É a súa contorna máis próxima (a franxa de costa entre A Guarda e Cabo Silleiro) onde comeza os seus paseos a inicios dos oitenta que ata hoxe continúan xerando «achados» inesperados como apunta De Nieves. Asegura Pedro de Chairo que as súas obras non perseguen unha vontade de «estilo», nin tampouco mostran interese por evidenciar a marca de autor, con todo, hai unha serie de elementos que se repiten constantemente: o paso do tempo, o azar, o humor ou os xogos de sentido da linguaxe. A comezos dos noventa, abre novos camiños que lle levan a reflexionar sobre a descontextualización das obras de arte, para posteriormente regresar á observación da natureza.           
Na Colección Afundación figuran dez obras de Barbi. En Hibernáculo, recipiente para ausentarse (1993) crea desde a simplicidade un refuxio feito a medida en contrachapado, «seguramente para aquel que está a buscar un remanso fóra da realidade perentoria», apunta De Nieves. En Sen título (1994), sérvese dunha cadea dunha bicicleta para crear unha figura humana de pé situada sobre un pequeno pedestal definida pola sutileza e delicadeza. Nas tintas sobre papel de 1994 e 1995, representa figuras esquemáticas construídas con trazos gestuales, próximas á abstracción e cheas de dinamismo, que destacan sobre o soporte branco do papel, e evocan as pinturas rupestres do Neolítico español. Nas obras da colección pertencentes á serie Argéntea, fotografa excrementos de gaivota —desde 1996 ata o 2001— que suxiren figuras antropomorfas; o azar resulta fundamental, como en boa parte da súa produción, pois a maioría das formas que atopa son amorfas. Nesta serie advírtese todo o proceso que configura a súa obra, que nace na exploración do artista e termina coa mirada do espectador. 

Bibliografía

III Mostra Unión Fenosa, MACUF, A Coruña, 1993.

BENNETT, M.: Reflexións, Xunta de Galicia, CGAC, Santiago de Compostela, 1989.

JORGE Barbi. El final aquí, CGAC, Santiago de Compostela, 2008.

JORGE Barbi, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Santiago de Compostela, 2000.

JORGE Barbi: 41°52'59''/8°51'12''W, MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Vigo, 2010. 

VV. AA.: Galicia Arte, Tomo XVI: Arte Contemporáneo, Hércules de Ediciones,A Coruña, 1999, p. 357.

 

Obra

  • SIN TÍTULO

    SIN TÍTULO 2001

  • SIN TÍTULO

    SIN TÍTULO 2001

  • SIN TÍTULO

    SIN TÍTULO 2001

  • Hibernáculo, recipiente para ausentarse

    Hibernáculo, recipiente para ausentarse 1993

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2025© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78