ELOGIO DE LA SOMBRA

- INV:
- 2599
- Año de creación:
- 2001
- Dimensiones:
- 122 x 121 x 0
- Técnica:
- Técnica mixta sobre táboa
Comentarios
O maniqueísmo, a presencia de luz e escuridade, orde e desorde, horizontal e vertical semellan dominar toda a composición, dividida en dous espacios claramente delimitados.A tea suxire a descrición dun amencer, un mundo que está sometido ás tebras esperando a se inundar de luz, que se anuncia timidamente na zona superior, composta por unha franxa de suave cor amarela, sumindo a zona inferior onde se desenvolve a obra nun negro absoluto.
O bodegón é dunha gran sobriedade, fronte á luminosa liña do horizonte, a superficie negra é un campo no que presenta dúas naturezas, unha verde e viva, simbolizada nun cacto enmarcado nun ordenado rectángulo negro e unha natureza máis sobria e caduca, interpretada polos figos e as varxas, que se dispoñen sobre unha mancha de verniz que se derrama sobre o lenzo, como dispostas para seren sementadas nun rego de terra.
A monocromía é a nota dominante nunha obra na que unicamente destacan o ton amarelo e o verde da planta. A oposición non só se experimenta na selección cromática senón na disposición vertical do cacto, do vivo motivo iconográfico que busca a luz fronte á concepción horizontal da composición.
A factura é acabada, cunha pincelada limpa, imperceptible, só violentada na superficie escura e mate pola mancha de verniz que se esparexe aumentando os valores lumínicos da peza. A obra esixe unha interpretación dende a emoción plástica, intentando captar a harmoniosa relación entre arte e poesía, beleza e sentimento.