JORGE LLORCA
Llorca Freire, Jorge
( Ferrol, 1952 )
Biografía
Jorge Llorca sentiuse desde neno interesado en diversas facetas creativas, como a escritura, a invención de artefactos e a pintura. Unha vez rematado o bacharelato decidiu que quería dedicarse a esta última e trasladouse desde o seu Ferrol natal a Barcelona en 1970, onde estudaría na Escola de Belas Artes de San Jordi, para completar a súa formación na Escola de San Fernando de Madrid.
A primeira metade da década dos anos 70 supuxo para este artista, ademais do seu período formativo, a súa incursión no mundo expositivo, participando en colectivas en diversas cidades españolas, así como o seu compromiso coas causas da reivindicación da democracia, colaborando no deseño de carteis.
Tras finalizar a carreira, regresará a Galicia, onde aprenderá a apreciar o contacto coa natureza, co contorno rural e marítimo, así como cos recordos da súa infancia. Serán os anos 80 un período de colaboración como ilustrador de carteis con distintas asociacións que reivindican causas sociais, ademais de producir unha pintura dotada de gran simbolismo, protagonizada por figuras femininas acompañadas de elementos celestes, vexetais e etnográficos. Esta década tamén será moi prolífica a nivel expositivo por distintas cidades galegas, ademais de impartir clases particulares como profesor de debuxo e pintura en Ferrol.
En 1985 comezará a dar clase na Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña e, paulatinamente, a súa pintura desfaise de figuras humanas e de inspiracións literarias. Os planos e as compartimentacións xeométricas comezan a tomar a superficie pictórica e as cores abandonan a saturación. Experimenta con diversas técnicas e realiza encargas de murais para diversas localidades galegas.
Nas obras Mulleres e tucano e Debuxo quedan plasmadas a capacidade técnica de Llorca co debuxo e como estará presente ao longo da súa carreira. Elabora un grafismo minucioso, aprendido do estudo dos autores clásicos do Renacemento para compoñer escenas que se aproximan, en ocasións, ao surrealismo e outras ao hiperrealismo.
A partir de 1995 combinará os planos xeométricos con elementos orgánicos, no seu retorno ao interese pola natureza e pola paisaxe que o rodea. O mar, as praias ou os cambios atmosféricos toman protagonismo, como observamos nas obras Un día en Penencia, título que fai referencia á praia cerca de Ferrol, e Eloxio da sombra. En ambas, sobre planos xeométricos dispón elementos vexetais, cuxo detallismo contrasta coas bandas horizontais e abstractas que conforman as paisaxes sobre as que detalla as plantas. É neste período cando o estudo da luz centra a súa produción, acompañado dunha depuración da composición e da busca da sinxeleza.
Tamén están presentes nesta colección dous bodegóns datados en 2007, co mesmo título, Retallos de papel, que poñen énfase na proliferación de planos xeométricos contrastados cubrindo a superficie, sobre os que destacan froiteiros e froitas realizados cun debuxo moi detallado. Emprega para os fondos unha pincelada limpa para lograr fondos neutros nos que usa normalmente unha combinación de dúas cores que resaltan o debuxo.
Bibliografía
García Herradón, Mario: Jorge Llorca. Madrid, Xunta de Galicia, 1999.
Pablos, Francisco: Plástica Gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Pablos, Francisco: Colección da Arte galega Museo Quiñones de León. Vigo. Ayuntamiento, 1995.
Pablos Francisco: La pintura Gallega. Vigo, Edit. Nigra-Trea, 2002.
Primeira Mostra Unión Fenosa. A Coruña, Unión Fenosa, 1989.
VV.AA.: Joge Llorca. Elogio de la Sombra. Lugo, Galería de Arte Clérigos, 2001.
VV.AA.: Diccionario de Pintores y Escultores españoles del siglo xx. Madrid, Edit. Forum Artis, 1994. Vol. 8.