Comentarios
As cores liberadas de toda figuración expándense pola superficie do cadro, impregnándoo e ocupándoo, xogando con debuxos esquemáticos, signos e grafías fundidas na materia. É unha composición na que a casualidade, a intuición ou o azar da acción, parecen determina-lo resultado plástico que responde a un ideario estético que se apoia nas cores propias, froito de orixinais combinacións de pigmentos e da superposición de numerosas capas de pintura. O tema xorde do interior do artista que busca a luz, a natureza, a recuperación de espacios nos que o espírito poida correr en liberdade, integrando harmonías e contrastes de cores para "facer vibrar a alma humana" seguindo o camiño iniciado por Wassily Kandinsky.