MANUEL ROMERO
Romero Castro, Manuel
( Noia, A Coruña, 1943 - A Coruña, 2020 )
Biografía
Un amplo currículo de estudios aboa a obra deste artista persoal, dificilmente referenciable, inclusive nos seus formatos, a cotío circulares. Seguiu cursos de deseño en Wimbledon e licenciouse, con matrícula de honor, na facultade de Belas Artes da Universidade británica de Kingston, en 1987. Deste centro sería profesor e coordinador de estudios nas universidades europeas, ata 1996. Comezou a expoñer na Casa de España, en Londres, en 1983, e fíxoo reiteradamente nesta cidade e noutras de Inglaterra, Estados Unidos, París e Xapón, e en varias de Galicia e doutras rexións de España. En exposicións colectivas figurou a súa obra en Inglaterra numerosas veces. Percibiu premios en Estados Unidos, Inglaterra e España, concedido este polo Ministerio de Asuntos Exteriores. Recentemente conseguiu o primeiro no concurso Nelson Zúmel, de Lugo (1998). A pintura de Manuel Romero é rigorosamente abstracta, no máis estricto sentido do termo. Asegura o artista que a luz é a realidade absoluta. A partir dela, busca en mundos ideais, imposibles de apreciar no cotián, cómo se constituíran expresións plásticas despois de observar atentamente experiencias de laboratorio a través dun microscopio de grande aumento. Nos seus círculos ou rectángulos deambulan texturas caprichosas, con rugosidades, liñas, manchas diluídas, en marelos, azuis, verdes. Tal como se constituísen superadas imaxes de traballos de anatomía patolóxica, de hematoloxía idealizada.
Bibliografía
-VV. AA.: Catálogo. Londres, 1990. -Hopkins, Bill: Texto en catálogo. París, 1992.