MANUEL VILARIÑO
Vilariño Seco, Manuel
( A Coruña, 22 de mayo de 1952 )
Biografía
Nas súas propias palabras, “nazco mirando al océano y pertenezco al bosque atlántico”. Na actualidade reside en Bergondo (A Coruña) nunha casa situada nun contorno natural. A súa vinculación coa natureza —elemento fundamental na súa obra— está presente desde a súa nenez, cando as visitas á casa de campo dos seus avós se convertían nunha auténtica exploración do territorio circundante. Licenciado en Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela, desde a súa etapa formativa dedícase fundamentalmente ás súas dúas paixóns: a fotografía e a poesía. Participa na súa primeira mostra colectiva no Museo Bello Piñeiro de Ferrol en 1983. As súas primeiras exposicións individuais teñen lugar en 1984 en Vigo e na Coruña. A súa obra percorre as galerías e museos de Europa, Estados Unidos e América do Sur. Fundamentais son as súas viaxes polo mundo adiante —en especial por India e Etiopía— que van determinar unha serie de características fundamentais nas súas obras. En 2002 o Centro Galego de Arte Contemporánea organiza unha destacada mostra dedicada ao seu traballo que supón a súa consagración, na que participan, entre outros, Chantal Maillard, Félix Duque, Alberto Ruiz de Samaniego ou Antonio Gamoneda. Recibe o Premio Nacional de Fotografía do Ministerio de Cultura en 2007, o mesmo ano que representa a España na 52 Bienal de Venecia. A súa obra forma parte de destacadas coleccións como a do MNCARS, Fine Arts Museum de Boston, MEIAC, CGAC, ARTIUM, IVAM, Círculo de Belas Artes de Madrid, Fundación María Cristina Masaveu Peterson, Colección Coca-Cola ou a da Fundación Telefónica.
Vilariño é un polifacético artista cuxo principal medio de expresión é a fotografía vinculada á poesía —considéraas un todo indivisible—, aínda que tamén é biólogo e filólogo, e nos últimos tempos incorporou instalacións ao seu quefacer artístico. Utiliza a cámara como instrumento de reflexión, de meditación, cunha ollada espiritual e contemplativa cara á natureza que nace da súa paixón pola fotografía e pola mística. O seu traballo concíbeo como un proxecto espiritual cuxo eixe central é o animal —elévao á categoría do simbólico— e no cal a morte é o pensamento central latente. Nas súas composicións de beleza austera, nas que conviven o branco e negro coa cor, achamos fundamentalmente naturezas mortas —debedoras da cultura oriental e da pintura barroca española—, retratos, e paisaxes.
Dúas obras se inclúen na Colección Afundación. A máis temperá, Sula Bassana (1985), forma parte da serie Bestas involuntarias (1981-1989), onde segue a tradición dos bestiarios medievais. É unha natureza morta en branco e negro na que establece unha relación simbólica entre a cabeza dun albatros atlántico e un bico. O animal mutilado, fragmentado, preséntase “petrificado por la mirada de la Gorgona” —que tantas veces nomea o autor ao falar da súa fotografía— xunto ao artefacto industrial, que actúa como testemuña do seu tempo, nun evocativo xogo formal. O detallismo logrado tanto na ferramenta coma na plumaxe do paxaro resulta sorprendente. En Cruz negra, escaravello vermello (2001), da serie Cruces e realizada en cor, Vilariño dirixe a súa ollada cara ao bodegón barroco e ás súas metáforas sobre a morte. Sobre un fondo vermello intenso, realizado con po de especias, compón unha escena ritual, sinestésica, de influencia hinduísta. Contrapón minuciosamente elementos formais (xogo cromático, tratamento da luz) e simbólicos; un escaravello e dúas cruces abondan para representar con gran contundencia o xogo da morte. Unha poesía feita imaxe que nos achega a ese concepto de “belleza siempre terrible” tan presente na súa obra.
Bibliografía
VV.AA.: Manuel Vilariño. Fío e sombra. Compostela, CGAC, 2002.
VV.AA.: Emboscadura. A Coruña, Fundación Caixa Galicia, 1998.
Olivares, Rosa: Manuel Vilariño. Biblioteca de Fotógrafos Españoles. Madrid, La Fábrica, 2002.
Ruíz de Samaniego, Alberto: El angel necesario. Vigo, Galería Bacelos, 2001.
Castro, X. A.: Manuel Vilariño. Galerie Municipale du Château d 'Eau. Toulouse, 2001.