• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

JOSÉ SOLLA

Solla Crespo, José

( Marín, Pontevedra, 31 de octubre de 1927 - Mar del Plata, Argentina, 9 de septiembre de 2021 )

Biografía

Natural de Castro, Marín, a súa infancia e mais a adolescencia transcorren entre pescadores e canteiros que lle transmiten o gusto polo mar e a arte. Instálase a partir de 1950 en Mar de la Plata (Arxentina), aínda que nunca perderá o vínculo con España, e con Galicia en particular. Con firme vocación artística desde neno, estuda na Escola Superior de Artes Visuais Martín A. Malharro en Mar de la Plata, e toma clases de debuxo e pintura con Demetrio Urruchúa, mestre doutros artistas galegos. Realiza a primeira individual en 1964, tras expoñer varias colectivas desde finais dos cincuenta. Participa na Bienal de Pontevedra en 1973, 1974 e 1976. Durante os anos 1976 e 1978, recibe unha bolsa do Centro Iberoamericano de Cooperación para realizar estudos sobre a arte románica e gótica en España. Ao longo da súa traxectoria amosou o seu traballo nas principais cidades de España, Estados Unidos, Canadá, Arxentina, Chile, Uruguai, O Brasil, Corea ou Bélxica. Entre os seus galardóns, cómpre salientarmos a medalla de ouro da II Bienal Internacional de Pontevedra, o Premio Especial Torwald Rasmussen e a Medalla de Ouro de Caserta. Así mesmo, está representado en numerosísimas coleccións privadas, desde Nova York a Buenos Aires, e tamén en museos de América do Sur, Estados Unidos e Italia, así como de Pontevedra e de Vigo, entre outros. Nos últimos anos, traballa e vive unha boa parte do ano en Galicia, na localidade pontevedresa de Bueu. 

Artista multifacético, formado na tradición europea e na arte hispanoamericana, abrangue o óleo, o acrílico, o pastel, a colaxe e as técnicas mixtas. Na súa traxectoria diferéncianse dúas grandes etapas: a primeira, a Serie Blanca (1960-1977) representa paisaxes mariñas, inspiradas en Mar de la Plata e Galicia, onde o branco, a luz, domina e centra a composición. Esta etapa está vinculada ao cubismo e á abstracción xeométrica, con imaxes de gran sutileza e levidade (tanto pola paleta coma pola finura da factura) cargadas de lirismo. A segunda, chamada Serie Románica, iniciada en 1978 é un traballo vinculado a Galicia, nela incorpora o imaxinario da súa infancia desde unha perspectiva máxica-onírica. Representa romarías e fábulas para un público adulto coa súa orixinal figuración. Son composicións complexas, sobrecargadas, marcadas por un debuxo certeiro, e unha paleta rica nas que se evidencian tinturas expresionistas, “o maxicismo” e, en menor medida, o surrealismo. Aparece recorrentemente nestas obras, de gran carga erótica, a súa musa persoal: Palmira, un ideal que representa todas as mulleres e simboliza o foco da súa base creativa.       

Un nutrido grupo de sete obras en diversas técnicas —pastel, lapis graxo, óleo e técnica mixta— sobre lenzo e papel integran a Colección Afundación. Na obra máis temperá, Cargadores (1969), rememora a infancia e representa unha escena do porto arxentino marpratense simplificada e xeometrizada; o seu camiño inicial cara á abstracción. A maternidade Madre e hija (1976) amosa, desde a sobriedade, o seu dominio do debuxo na versión máis lírica. Os óleos de estaleiros (1974 e 1975) pertencentes á Serie Blanca son máis intuicións ca representacións, cunha estruturación xeométrica que lembra o cubismo. O debuxo é sinóptico e a pincelada leve, de impecable acabado. Palmira y los pájaros (1985) e La leyenda del peregrino descalzo (1985), pertencentes á segunda etapa, son dúas composicións complexas (a organización lembra unha colaxe) marcadas pola fantasía, e o erotismo, ateigadas de seres imaxinarios, e dominadas por un debuxo que perfila en negro e cun trazo groso as diversas formas. 

Bibliografía

20 AÑOS de arte en Pontevedra, Deputación Pontevedra, Pontevedra, 1989.

GALLI, A.: J. Solla. Exposición antológica, Caixavigo, Vigo, 1990.

PABLOS, F. Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.

VV. AA.: Solla. Obra de pequeño formato. Vigo, 1993.

Obra

  • Palmira y los pájaros

    Palmira y los pájaros 1985

  • Astillero

    Astillero 1975

  • MADRE E HIJA

    MADRE E HIJA 1976

  • Astillero

    Astillero 1974

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2023© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2021
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78