GABINO
REY DE SANTIAGO, GABINO VICTORIO SEGUNDO
( Marín, Pontevedra, 8 de enero de 1928 - Barcelona, 2 de mayo de 2006 )
Biografía
Vencellado á pintura catalana, foi serodiamente coñecido no seu país natal, se ben as aportacións que da súa obra fixo a Galería Cerralbo de Vigo e a mostra antolóxica que realizou na súa vila natal, en 1993, confirmaron o seu grande prestixio nos ámbitos barceloneses, en concreto na Galería Gaspar, a máis antiga de España e de Europa, onde expón habitualmente. Cando contaba once anos, ó remata-la guerra civil, trasládase á cidade condal. Empeza a expoñer moi novo, en 1943, no Salón da xuventude, certame ó que concorreu nas edicións seguintes. Recibiu unha bolsa do Goberno francés en 1945, premiárono na III Exposición Universal da Unión da Arte, en Bilbao e mais en 1980 na Societé Nationale de Beaux Arts, en París. A súa obra percorreu España e os Estados Unidos. Está representado nos museos de Lugo, Pontevedra, Marín e Sitges, así como en importantes coleccións institucionais e particulares de Europa e América. Adscrito a un postimpresionismo de factura moi solta, Gabino é un pintor consumado, grande debuxante que goza coa materia, grumosa, ás veces heteroxénea, nunha paleta quente e temperada na que sobresaen azuis intensos, verdes brillantes, carmíns, rosas e pratas. Paisaxista ledo e puro, dos que toman o motivo como desculpa para se entregar a unha pintura gozosa, como acontece nos seus bodegóns, realmente maxistrais. Tamén é un excelente retratista, de vena lírica e intimista na que se atopa a escola catalana, si, pero sen esquecer un sentimento galego insobornable.
Bibliografía
ARTISTAS pontevedreses en la colección Caixanova, Lérez Edicións / Diario de Pontevedra, Vigo, 2006.
DICCIONARIO de pintores españoles contemporáneos, Edic. Estiarte, Madrid, 1972.
COLECCIÓN TESTIMONIO 2000 - 2001, Fundació "la Caixa", Barcelona, 2001.
GABINO REY SANTIAGO (Marín 1928 - Barcelona 2006), Concello de Vilagarcía de Arousa, Vilagarcía de Arousa, 2008.
GARRUT, J. M.: Dos siglos de pintura catalana (XIX y XX), Ibérico Europea de Edic., Madrid, 1975.
MARAGALL, J. A.: Historia de la sala Parés, Edit. Selecta, Barcelona, 1975.
PONTEVEDRA como inspiración en la Colección Caixanova, Caixanova, Vigo, 2006.
PUIG, A.: Gabino, Edic. Mayo, Barcelona, 1992.