• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

XAIME QUESSADA

Quesada Porto, Jaime

( Ourense, 14 de julio de 1937 - Vilar de Astrés, Ourense, 30 de diciembre de 2007 )

Biografía

Formado academicamente na Escola de Belas Artes de San Fernando (Madrid), Xaime Quessada completou a súa formación nas viaxes por Europa desde finais dos anos cincuenta. Estudou gravado na Escola de Belas Artes de París e a obra dos grandes mestres no Museo do Prado e noutros principais museos europeos. Pintor multifacético, frecuentou todas as técnicas, tanto o óleo coma a acuarela, técnica mixta, pastel, debuxo ou gravado, traballou na ilustración de libros, no muralismo e no cartelismo, o deseño gráfico e, mesmo, tocou a alta costura; tamén experimentou as posibilidades expresivas da escultura ademais da literatura. Durante máis de cincuenta anos expuxo a súa pintura nas principais cidades de Europa e América: Madrid, Barcelona, Bilbao, Málaga, París, Ámsterdam; Xenebra, Amberes, Stuttgart; Bruxelas, Milán, Oslo, Copenhague, Lisboa, Boston, Nova York ou México, xunto con outras cidades de Venezuela, Colombia, Porto Rico, República Dominicana, Siria, Líbano, Exipto e naturalmente nas principais cidades de Galicia. O seu dinamismo artístico levouno a crear primeiro o grupo O Volter e, posteriormente, Sete artistas galegos, ben representados na Colección de Arte Afundación e que foron esenciais para a renovación da arte galega e a súa incorporación ás tendencias estéticas que predominaban na Europa dos anos sesenta do século XX. Desde finais da década dos cincuenta recibiu importantes premios e recoñecementos a nivel nacional, así como a medalla Castelao da Xunta de Galicia; os seus cadros forman parte das coleccións de arte de museos e institucións públicas e privadas de España, Europa e América e os seus murais e esculturas poden contemplarse nos espazos públicos de diferentes cidades.

Quessada é un pintor atemporal e pluridimensional, imposible de clasificar nos estreitos límites dun estilo concreto ou desde unha perspectiva cronolóxica por etapas. A súa paleta absorbía todos os estilos que atraían a súa atención, movíase entre a abstracción e a multiplicidade do universo figurativo con total liberdade e viaxaba esteticamente do conceptualismo e do informalismo ao expresionismo, ao postcubismo, ao realismo máxico, ao surrealismo, á nova figuración ou á pop art, xogando con esas tendencias nunha especie de mestizaxe estética.

O artista recoñecía sen complexos a influencia dos que consideraba os seus mestres: Picasso, Goya, Rembrandt ou Leonardo. Pero, tal como a crítica percibía, no seu quefacer pictórico sempre hai algo máis ca a herdanza recibida, que o pintor transformaba coa súa particular ollada estética: un espazo compositivo de gran complexidade no que a multiplicidade de figuras, planos e contidos superpostos, en ocasións é de tal magnitude que soamente o seu dominio técnico da materia, da perspectiva e do debuxo o fai intelixible.

As súas obsesións éticas determinaban o seu traballo de creación como produto da confrontación, temática e esteticamente dialéctica, que mantiña entre a súa vontade de convulsionar as nosas conciencias amosándonos todo o horror que o ser humano pode provocar, pero tamén, a súa confianza na humanidade e na posibilidade da utopía. Obras como A guerra, Noalla ou as da Serie negra, que forman parte da Colección de Arte Afundación, testemuñan os horrores da guerra, da violencia sobre os seres humanos, a lacra da pena de morte ou a miseria e a explotación. Fronte á realidade da crueldade humana, opón o idealismo da utopía e da esperanza dun mundo socialmente equilibrado, libre de miseria e fame, que amosaba en series como A música, A danza, Os entroidos, os nus femininos e as maternidades. Esta pintura, tamén está presente na Colección Afundación en obras como A música II e XV, O Mouchiño, Primavera, Outono, O piano, Tempo hiperbóreo ou as maternidades que amosan a harmonía, a serenidade e a beleza do mundo ideal que soñaba o pintor. Moreno Galván vía esta dicotomía da pintura quessadiana como unha confrontación entre o logos e o eros, mentres que Vázquez Montalbán entendía que a representación daquel mundo idílico, lle permitía a Quessada relativizar o poder de todas as cadeas que oprimían os seres humanos.

José Gómez Alén

Bibliografía

CORREDOIRA, P.: O universo de Xaime Quessada, Museo de Pontevedra, Pontevedra, 2020.

GARCÍA IGLESIAS, J. M.: Quessada, Deputación de Ourense, Ourense, 1987.

PABLOS, F.: Xaime Quessada, Atlántico, A Coruña, 1981. 

QUESSADA: búsquedas y encuentros (II), Concello de Vigo, Vigo, 1992.

QUESSADA. Última obra, Caixanova, Vigo, 2001.

QUESSADA. Los derechos humanos: testimonios, Caixanova, Vigo, 2007.

QUESSADA. Sociedade e represión. 1960/1970, Fundación Xaime Quesada Blanco, Ourense, 2017.

SOTELO BLANCO. O.: Conversas con Xaime Quessada, Sotelo Blanco, Santiago de Compostela, 1991.

XAIME Quessada, Concello de Ourense, Ourense, 1994.

XAIME Quessada e o seu tempo, Concello de Ferrol, Ferrol, 2017.

Obra

  • Carballeira

    Carballeira 1981

  • El garrote II

    El garrote II 1960 - 1970

  • Maternidad

    Maternidad 1992

  • La víctima

    La víctima 1960 - 1970

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2026© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78