• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

SOLEDAD PENALTA

Penalta Lorenzo, Soledad

( Noia, A Coruña, 23 de abril de 1943 )

Biografía

Esta grande escultora galega de amplo período formativo desde a Escola de Oficios Artísticos da Coruña, que completa ata 1980 con obradoiros de escultura cerámica, maiólica e gres en Barcelona, Girona, Sargadelos (Lugo) ou Alacant, e cursos na década seguinte no castelo de Soutomaior/Pontevedra, e en Faenza/Italia, con Emidio Galasi. No seu camiñar plástico a aprendizaxe é unha divisa, ata atopar o seu dicir máis persoal, pasando pola cerámica polícroma de notables dimensións sobre armazóns metálicas, coas que obtén os seus primeiros premios. É a súa expresión sempre conceptual, para mostrar, xa co ferro e co aceiro cor-ten, alusións realistas tanto na escultura monumental coma de medias dimensións, desde as primeiras exposicións en Noia, 1981, e as que seguiron na Coruña, no Ateneo de Ourense, e en Ferrol. O traslado familiar a Minnesota/EE.UU., nos anos 1989-1991 foi un cambio decisivo. Traballou no Studio Art da Universidade con Wayne Potratz, Nick Legeros, Roger Junk e Andy Richars e volveu ao ano seguinte cunha bolsa de perfeccionamento. Coa cerámica como vía esgotada, céntrase no ferro como elemento plástico preferente, material co que definiu o seu carácter, facendo que o gremio a respectase. Os Gardiáns do parque escultórico da Torre de Hércules (A Coruña), e a obra de Praia Ladeira, Baiona, ambas en aceiro cor-ten falan, aceiro que dobra ou estende con suficiencia para mostrar suxestivas formas icónicas, como mostra en Málaga, na Coruña, en Vigo, na itinerante da Fundación CaixaGalicia polas capitais galegas, as colectivas de Minessota e as homenaxes (Fernando Mon, Laureano Álvarez) e Premios (Isaac Díaz Pardo). Participou cunha obra monumental en Galicia Terra Única, A Coruña, 1997.

Desde o cambio de século, Penalta faise unha habitual en París, no Salón D´Automne-Grand Palais Champs-Élysées. A súa obra é seleccionada sucesivamente entre 2008/2018, participa ademais como invitada no Cairo, Tel Aviv, Tokyo, São Paulo ou Paphos/Chipre en 2017 co gallo da capitalidade cultural europea. É nestas dúas décadas cando a artista acha co aluminio a súa máis decantada expresión, pregándoo para crear obras como de cestaría, ou abertas, sólidas e flexibles, mesmo con efectos sonoros, nas que engade a súa escritura con aerógrafo, que grava con plasma perforando as láminas, un proceder no que vemos un fío invisible coas mesopotámicas táboas cerámicas, o seu primeiro material expresivo. É unha mensaxe humanista en diálogo co espazo. En paralelo reapareceu a figuración en siluetas de estilizado antropomorfismo, xeralmente en grupos, aínda que ás veces algún se separe como na peza coa mestra vidreira Julia Ares para Reflexart, colectiva itinerante polas principais cidades galegas en 2012-2013. En dialéctica coas súas grafías, desenvolve nos últimos anos unha nova linguaxe estética que amosou tanto en exposicións propias como en colectivas, caso de Mulleres do Silencio. De Maruja Mallo a Ángela de la Cruz, a do Pazo Torrado, Cambados-Pontevedra ou Alterarte, UVigo-Ourense. Nas obras públicas de Noia, Porto do Son, Muxía, A Coruña ou Santiago mantén o aceiro. Das súas reflexións e conviccións, compromiso social e inquietudes, é mostra o documental Arte + Muller + Galicia. En Afundación atópase unha fantástica cabeza en ferro dos anos noventa, material recorrente, xunto ao aceiro.

Limia Gardón

Bibliografía

Corredoira, Pilar e Potrazt, Wayne E.: Expresiones de Soledad Penalta. Fundación Caixa Galicia. A Coruña, 1997

Sobrino Manzanares, M. Luisa e Liaño Pedreira, M. Dolores: Catálogo do patrimonio artístico da Deputación da Coruña. Vol. I. A Coruña, 1991.

VV. AA.: A Escultura actual en Galicia. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 1997.

Obra

  • Cabeza

    Cabeza 1997

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2026© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78