ENRIQUE ORTIZ ALONSO
Ortiz Alonso, Enrique
( Ourense 1934 )
Biografía
Artista esclusivamente dedicado ó gravado, iniciou os seus estudios na cidade natal, preto do grupo "Os Artistiñas", auspiciado polo escritor Vicente Risco e do que formaban parte Virxilio Fernández, Jaime Quesada, José Luis de Dios e Acisclo Manzano. Amplía estudios en Madrid, en talleres de gravado de grandes mestres. Realiza exposicións en Madrid e mais en numerosas cidades de España, Europa e Sudamérica e participa en certames colectivos. Está representado en museos de Galicia e en monográficos de gravado de Europa e de América. Ortiz é un grande debuxante e un estampador peculiar que cultivou as máis diversas técnicas, desde a augaforte ou a punta seca á litografía e a técnica mixta. As súas pezas evolucionaron desde un barroquismo realista, emparentable coa obra gráfica de Ricardo Baroja e sobre todo de Solana, deica unha simplicidade de encaixe abstractivo, a base de manchas e suxerencias de formas de grande beleza. Probablemente é máis coñecido fóra de Galicia ca no seu propio país, aínda que esto non lle preocupa ó artista xa que é independente e está afastado de concursos e galerías ó uso.
Bibliografía
DEL mal que muero. Gravados e pinturas, Concello de Ourense, Concellería de Cultura, Ourense, 1995.
ENRIQUE Ortiz Alonso. Obra sobre papel, Consellería de Cultura e Comunicación Social, Casa da Parra, Santiago de Compostela, 1997.
ORTIZ Alonso. Grabados, Galería Sargadelos, Barcelona, 1974.
ORTIZ ALONSO, Grabados en cobre, Galería Sargadelos, Barcelona, 1975.
ENRIQUE ORTIZ. Grabados, Ceibe galería de arte, 1977.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.
UNHA aciñeira para soñar. Enrique Ortiz, Centro Cultural Simeón, Deputación de Ourense, Ourense, 2002.