OVIDIO MURGUÍA
Murguía de Castro, Ovidio
( Lestrove, A Coruña, 2 de julio de 1871 - A Coruña, 1 de enero de 1900 )
Biografía
Ovidio Murguía de Castro (1871-1900), fillo de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, é un dos máis importantes paisaxistas do noso século XIX. Porén, a prematura morte limitou a proxección do seu traballo, que tivo a súa concreción máis relevante na decoración da sala de fumar do Pazo de Lourizán (Pontevedra), realizada en 1898 para o político Eugenio Montero Ríos.
O seu falecemento en 1900, con vinte e nove anos, sitúao entre os membros da súa xeración —a dos nados entre 1870 e 1874— denominados pola historiografía galega como Xeración Doente porque todos morren na mocidade e así frústrase a súa posible evolución. O termo foi fixado por M. F. Barreiro e polo pintor Bello Piñeiro en 1922. A pintura destes artistas supera o academicismo, é máis preciosista, con interese pola luminosidade, están preocupados pola modernización da súa linguaxe a través do retrato, da paisaxe e do realismo social. Son un conxunto de pintores: Parada Justel, Ovidio Murguía, Jenaro Carrero e Joaquín Vaamonde, que se forman en pleno auxe do realismo e que incorporan á pintura galega unha renovación temática. Deste xeito, aparece timidamente a preocupación social e reflíctese o mundo traballador.
Alén diso, estes pintores —como outros creadores do seu tempo— asumen nesta altura a identidade básica ou cultural de Galicia como elemento nuclear de inspiración. Esa procura da “esencia do país” que recolle en clave literaria Rosalía de Castro en Cantares Gallegos (1863) e Emilia Pardo Bazán por medio do protagonista da súa novela La quimera (1905), supón captar a profunda identidade cultural dun pobo, descuberto e enxergado con ollos novos polos artistas. Nesta liña debemos situar a obra de Ovidio Murguía.
Ovidio Murguía formouse na Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela co pintor José María Fenollera. En 1895 marcha a Madrid, vive co seu tío o escritor Alejandro Pérez Lugín e móvese nun ambiente intelectual e creativo. Nestes anos convértese en seguidor do famoso paisaxista de orixe belga Carlos de Haes e sae a pintar á zona do Guadarrama. Cultiva un paisaxismo realista de acentuado lirismo poético, con predilección por abrentes e solpores. Nesta liña podemos sinalar obras como Desfiladeiro (1898). Este delicado lirismo tamén se percibe nos seus retratos, nos que se poden apreciar leves modulacións simbolistas.
Os óleos do noso artista recollen, maioritariamente, motivos paisaxísticos que se moven entre o requintado pintoresquismo de escenas de costa; unha escenografía de romanticismo crepuscular: Paisaxe invernal (1899) e unha captación da paisaxe debedora da estética romántica do sublime que goza do esgrevio e do irregular como no xa citado Desfiladeiro ou en Paisaxe (1891). Son obras que permiten percibir ese fondo romántico —preocupado pola captación lumínica da escena— coas montañas destacadas. Modula así a construción realista cun fondo compositivo que aínda nos leva a un paisaxismo debedor da estética romántica, lonxe de calquera tentación impresionista.
Carlos L. Bernárdez
Bibliografía
BARREIRO, A.: Del arte gallego, A Coruña, 1917.
COUSELO BOUZAS, J.: La pintura gallega, Porto, A Coruña, 1950.
CHAMOSO LAMAS, M.: «Arte», en Galicia, Edit. Noguer, Barcelona, 1976.
GAYA NUÑO, J. A.: Picasso. Vol. I., Edit. Aguilar, Madrid, 1975.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.
PABLOS, F.: Pintores gallegos del Novecientos, Fundación Barrié de la Maza, A Coruña, 1981.
PANTORBA, B. de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes, Madrid, 1980.
VV. AA.: Un siglo de pintura gallega 1880/1980, Museo Nacional de Bellas Artes, Buenos Aires, 1984.