ARBOIRO
Martínez Vázquez, Florencio
( Arboiro, Ourense, 1945 - 24 de septiembre de 2024 )
Biografía
O seu verdadeiro nome é Florencio Martínez Vázquez e toma o nome artístico da súa aldea natal, Arboiro, San Xoán do Río. A súa vocación xorde no taller do seu avó materno, Nicanor de Arboiro, excelente tallista e restaurador. O resto da súa formación é autodidacta. Empezou a expoñer en 1975, en Vigo. Participou en certames colectivos, coma a Bienal de Pontevedra e a da Escultura Meigas e Trasgos, de Sarria, Lugo, onde obtivo o segundo premio. Tamén foi accésit na cuarta edición da Bienal de Pontevedra, en 1977. Posteriormente, as súas mostras expuséronse en Galicia e mais en diversas cidades de España; está representado nos museos de Galicia. A Arboiro gústalle combinar materias naturais,coma o seixo ou o tocón dunha árbore, complementándoas con expresións en bronce, material que trata coma un orfebre. A súa escultura é delicada, espiritual, cun encanto extraordinario, ás veces identificable coas tanagras cretenses. As curvas que traza son amplas, as liñas suaves e os volumes teñen unha morfoloxía primorosa, creando así, unha tipoloxía moi peculiar, en certo modo emparentable coa tenrura de Manuel Buciños, ó que sen dúbida admira.
Bibliografía
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, Vigo, 1981.
ARTISTAS Orensanos, Deputación Ourense, Ourense, 1983.