• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

LLORÉNS

Lloréns Díaz, Francisco

( A Coruña, 10 de abril de 1874 - Madrid, 11 de febrero de 1948 )

Biografía

Francisco Lloréns Díaz, seguindo unha imposición paterna, estuda na Coruña na Escola de Comercio. Será en 1892 cando se traslada a Madrid e se forma como pintor na Escola de Belas Artes de San Fernando. O maxisterio de Carlos de Haes, na paisaxe, e a súa posterior aprendizaxe no obradoiro de Sorolla serán fundamentais nos seus principios. En 1901 consegue o Premio de Roma, o que lle permite formarse naquela cidade, como receptor dunha pensión español. As súas viaxes, desde alí, en 1903, a Bolonia, Milán, Venecia, París e Brugge, vanlle outorgar unha formación complementaria envexable. No seu paso por París inspirarano, fundamentalmente, Cézanne e os impresionistas.

Na súa pintura é recoñecido, basicamente, como un paisaxista aínda cando tamén hai algún ca outro retrato, bodegón e ata escenas relacionadas co mar, como é o caso do friso do Pavillón de Galicia da Exposición Iberoamericana de Sevilla de 1929.

En 1907 está de volta na Coruña. É daquela cando o seu xeito de identificarse coa paisaxe galega se vai concretar. Na súa formación como paisaxista chega a forxar unha posición ecléctica; tras a súa aprendizaxe madrileña vai ser importante a súa estancia en Roma cos desprazamentos que, desde alí, fixo. Así vai sentirse atraído pola pintura francesa, concretamente pola escola de Barbizón; tamén polo luminismo de carácter mediterráneo, experimentado na súa época romana. Pois ben, a partir de tales experiencias Galicia vaino levar a identificarse cunha determinada luz e cunha gama cromática propia, acorde coa cor dos seus campos, do seu mar e do seu ceo, buscando iso que chegou a chamarse a “alma” dunha natureza, que el capta en calquera hora do día e en calquera estación do ano.

Xa en 1913 consegue a cátedra de Debuxo artístico e Caligrafía de Escolas de Comercio. O seu primeiro destino será Barcelona e de alí pasará a Madrid. Desde entón as súas obrigas docentes provocan que dedique menos tempo á pintura. O ano 1922 será importante para Lloréns, consegue, tras moitos intentos en edicións anteriores, a primeira medalla da Exposición Nacional cun cadro titulado Rías Baixas. Despois viviría a Guerra Civil tendo que irse a Valencia no ano 1937 onde pintará paisaxes, agora con outra luz ben distinta e cun xeito de ser que foi relacionado cos de Anglada Camarasa pero que evoca, sobre todo, o seu antigo mestre, Sorolla.

En 1939 volve a Madrid e, desde alí e de cando en vez, retornará a Galicia e a pintar alí paisaxes; co paso dos anos a factura dos seus cadros será menos firme. De todos os modos ninguén lle poderá negar o seu papel de referente, no seu tempo, na concreción dunha paisaxe xenuinamente galega.

A colección de Afundación conta con seis paisaxes deste artista, realizadas entre 1910 e 1938, así como un bodegón, titulado Contraluz, de 1934.

José Manuel García Iglesias

Bibliografía

BARREIRO, A.: Del arte gallego, La Voz de Galicia, A Coruña, 1917.

CAMPOY, A. M.: Diccionario crítico del arte español contemporáneo, Ibérico Europea ed., Madrid, 1973.

CHAMOSO LAMAS, M.: «Arte», en Galicia, Edit. Noguer, Barcelona, 1976.

ESTEVE ORTEGA, E.: Arte gallego. Barcelona, 1930.

EXPOSICIÓN antológica Lloréns (1874-1948), Comisaría de Exposiciones de la Dirección General de Bellas Artes, Madrid, 1972.

FRANCISCO Lloréns, Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1991.

FRANCISCO Lloréns. Dibujos, Caixa Galicia, A Coruña, 1997.

FRANCISCO Lloréns, Caixavigo, Vigo, 1998.

GAYA NUÑO, J. A.: La pintura española del siglo XX, Ibérico Europea ed., Madrid, 1970.

GAYA NUÑO, J. A.: «Arte del siglo XX», Vol. XX, en Ars Hispania, Edit. Plus Ultra,  Madrid, 1977.

LAFUENTE FERRARI, E.: Catálogo de la exposición antológica, Madrid, 1972.

LUNA, J. J.: Francisco Lloréns y su tiempo, Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, 1988.

LLORÉNS, E.: Francisco Lloréns, Atlántico edit., A Coruña, 1981.

MON, F.: Pintura contemporánea en Galicia, Caixa Galicia, A Coruña, 1987.

PABLOS, F.: Pintores gallegos del Novecientos, Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, 1981.

PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.

PABLOS, F.: Colección Adriano Marques de Magallanes, Concello de Vigo, Vigo, 1992.

PANTORBA, B. DE: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes, Jesús Ramón García Rama edit., Madrid, 1980.

VV. AA.: Un siglo de pintura gallega, 1880/1980, Museo Nacional de Bellas Artes, Buenos Aires, 1984.

Obra

  • Carretera de La Coruña

    Carretera de La Coruña 1914

  • Jardín Botánico, Valencia

    Jardín Botánico, Valencia 1938

  • Paisaje

    Paisaje 1914

  • Paisaje

    Paisaje 1910

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2023© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2021
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78