MANUEL LAREO
Lareo Fernández, Manuel
( Vigo, 1963 )
Biografía
Manuel Lareo licenciouse en Belas Artes en 1995 na Universidade de Vigo, aínda que previamente iniciara a súa formación en artes plásticas na Escola de Artes e Oficios Mestro Mateo de Santiago de Compostela e na Academia de Fernando Artal en Vigo. Ao longo da súa carreira completou a súa formación con cursos de deseño gráfico en Pontevedra e Madrid o que lle facilitou a oportunidade de ilustrar publicacións e realizar traballos publicitarios.
Desde comezos dos anos 90 participou en varias exposicións como a Bienal de Pontevedra, a Bienal de Caricatura Galega de Ourense, a Bienal Internacional de Gravado Prieto Nespereira de Ourense ou a Mostra de Unión Fenosa da Coruña. O seu labor foi premiado como caricaturista e como escultor no Certame da Zona Franca de Vigo e a súa obra forma parte de coleccións institucionais galegas e murcianas. Lareo compaxina a súa faceta creativa co seu labor como deseñador gráfico na súa propia empresa.
Este artista traballa varias técnicas distintas, desde a pintura á escultura, pasando polo debuxo ou polo deseño gráfico. Preocupado por captar e transmitir as tres dimensións, as súas obras teñen unha forte raíz conceptual e o seu estilo é abstracto, moi marcado pola xeometría. As gamas cromáticas adoitan oscilar entre os tons neutros e o negro, o que lle permite a Lareo centrarse na xeración das composicións.
As tres obras presentes na colección de Afundación están datadas na década dos anos 90. Baixo o título Senso, o autor constrúe con distintos materiais, como o aglomerado e outros elementos que semellan plástico flexible, para configurar unha peza en tres dimensións similar a un cubo no que destaca a xeometría e o contraste entre tons e materiais.
As outras dúas obras pertencen á serie Topoloxías, comezada en 1996, na que Lareo traballa coa superficie bidimensional para intentar a súa percepción plana. Así crea unha composición abstracta na que a cor, a liña e a incidencia da luz xogan coa percepción do espectador ao producir un movemento ondulante que se propaga por toda superficie.
Bibliografía
V Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1997.
VV.AA.: A Galicia exterior. Compostela, Xunta de Galicia, 1997.
"Insinuacións", catálogo. Pontevedra. Facultad de Bellas Artes, 1995.
Bienal de las Artes Plásticas de la Comunidad de Murcia. Catálogo. Murcia, 1996.
XII Bienal Internacional de Gravado. Catálogo. Ourense, 1994.