• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

HÉCTOR FRANCESCH

Francesch, Héctor

( A Coruña, 1977 )

Biografía

Héctor Francesch é un artista multidisciplinario feito a si mesmo cunha formación autodidacta. A súa gran inquietude investigadora e a súa responsabilidade foron as bases do seu proceso de formación. A Bienal de Pintura de Betanzos celebrada en 1998 é o foro onde se dá a coñecer. A súa primeira mostra individual ten lugar na Facultade de Socioloxía da Coruña en 1999. Desde ese momento mostrou o seu traballo en institucións e galerías de arte de diversas cidades galegas, Madrid, Cádiz ou Alacant, e tamén fóra do territorio español en Alemaña e Australia. O seu interese polo deseño levouno a colaborar durante un período co Laboratorio de Formas de Sargadelos e as súas obras foron incorporándose a destacadas coleccións como a do Concello da Coruña, Deputación da Coruña, Universidade Rei Xoán Carlos de Madrid, Concello de Madrid ou a da Fundación Arte XXI de Madrid. Así mesmo, participou en feiras de arte contemporánea como Art Madrid, Justmad, Swab Barcelona ou Artelisboa, e foi finalista no Premio Mercedes Benz 2000, accésit no XXI Certame de Pintura Concello de Cambre, e premio adquisición no IX Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo.

Dentro do seu extenso universo artístico, cabe destacar o debuxo, a pintura e nos últimos tempos tamén a instalación. O compromiso coa época na que vive lévao a nutrirse do imaxinario e das técnicas que atopa ao seu arredor para logo filtralos pola súa persoal criba e crear un estilo propio que remite á pop art. A sublimación de obxectos a priori non artísticos é unha constante na súa creación. A súa pintura de cores planas, luminosas e contrastadas, resaltada mediante grosas liñas en negro que definen unhas formas sintetizadas, remite á estética do cómic, á publicidade e a Luís Seoane. A influencia de Jorge Castillo faise evidente nun debuxo preciso, na súa visión e aplicación de distintas perspectivas, e na solidez na creación duns símbolos moi persoais. A crítica á sociedade actual, así como á violencia, áchanse implícitas e ironizadas nas súas obras, protagonizadas en numerosas ocasións por obxectos icónicos da súa infancia como clics, monopatíns, zapatillas de deporte, iogures ou caramelos que forman parte do seu imaxinario persoal.

Na Colección Afundación atopamos dúas obras pictóricas do artista que datan do ano 2005. En Manco, un clic elegantemente vestido, sen a extremidade superior dereita, amósase erguido de corpo enteiro e en primeiro plano rodeado dunha coroa e irónicas frases de diferentes cores sobre un fondo composto por formas rectangulares de variado colorido. A obra Miraobras representa ese mundo urbano tan presente na iconografía do artista, e o título fai referencia dun modo xocoso a un costume arraigado entre a xente de avanzada idade, como é o de contemplar o transcurso das obras urbanas. Deste xeito, un señor aparece parcialmente situado de costas mirando cara a unhas edificacións cun número de referencia na parte superior. Xunto a el, un sinal de tráfico ideado polo artista, advirte do perigo da presenza de skaters. Ambas as pezas zumegan ironía e están compostas de diferentes perspectivas nas que recoñecemos a paleta cromática plana, intensa e tremendamente contrastada, así como as formas simplificadas propias da linguaxe artística do autor coruñés; un artista que logra conectar co espectador cunha pintura esquemática que retrata dun xeito xenuíno a súa realidade cotiá.

 

Bibliografía

Obra

  • Miraobras

    Miraobras 2005

  • MANCO

    MANCO 2005

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2026© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78