• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

ELENA GAGO

Fernández-Gago Díaz, María Elena

( A Coruña, 1940 - 27 de julio de 2011 )

Biografía

Cuns inicios artísticos autodidactas, Elena Gago perfeccionaría a súa formación en composición e colorido na Escola de Belas Artes de San Fernando e no Círculo de Belas Artes de Madrid, ao mesmo tempo que frecuenta círculos de pintores dos que incorpora á súa produción os diversos consellos que lle ían facilitando.

Viaxeira incansable, expuxo a nivel nacional e internacional, en cidades como Nova York, Madrid, Xenebra, München, Bruxelas, Milán, Bos Aires, Ámsterdam, Tokyo, Chicago ou París, entre moitas outras, o que propiciou que a súa obra forme parte de varias coleccións corporativas e privadas de xeito que recolle un grande éxito entre o público. Cómpre salientar que a súa primeira mostra, que tivo lugar na Coruña, contou co apoio de Álvaro Cunqueiro, que escribiu das súas obras: “Es una pintura vivida, los temas de los cuadros no son buscados, sino que nacen del gusto de la pintora por la vida”. Ademais, Gago compaxinou a súa faceta creativa coa divulgativa, xa que dedicou gran parte do seu tempo a impartir conferencias e á edición de ensaios artísticos, así como á colaboración como ilustradora con algunhas revistas como La Estafeta Literaria.

O seu estilo, moi característico e recoñecible, serviulle para recrear interiores e afastarse de calquera corrente artística contemporánea e outorgarlles a esas escenas un carácter universal, xa que poderían pertencer a calquera lugar nun tempo indefinido. Os especialistas cualifican a súa pintura como realista, onde os interiores recreados, tanto domésticos coma industriais, convértense en espazos intimistas que invitan á reflexión. Ao longo da súa traxectoria hai continuidade en temas e estilo, e mesmo en varias ocasións versiona os mesmos motivos con distintas gamas de cor ou diferentes estampados.

Estas arquitecturas interiores permítenlle xogar coa luz e coa sombra e achéganlles volumes ás composicións, como se observa nas obras O piano e O salón, pertencentes a esta colección, onde os espazos baleiros crean unha atmosfera lírica e silenciosa, na que os obxectos como o piano ou os cadros pendurados na parede aluden á presenza humana, referenciada sen resultar obvia. Trátase todo o conxunto cunha harmonía á que contribúen a precisión do debuxo e a elección das gamas cromáticas. Así mesmo, o motivo do piano empezouno a utilizar na década dos anos 70 e, case sempre, situouno en recunchos de interiores domésticos de maneira que se compoñen escenas de carácter íntimo.

A obra titulada Vasillas, datada ao igual ca as mencionadas a comezos da década dos anos 90, continúa esta liña intimista, onde a autora, a xeito de bodegón, recrea tres recipientes de barro sobre un fondo indefinido, conseguindo un efecto case irreal, xa que parecen flotar no espazo. Nos tres exemplos queda reflectida a precisión da súa técnica, case próxima ao puntillismo, que lle permite recrearse nos detalles dos obxectos. Nestas tres obras mencionadas apréciase a técnica perfeccionista que empregaba Gago, próxima ao puntillismo, un debuxo preciso, xogos de curvas e rectas que contrastan logrando o equilibrio, e uns contrastes de luces e sombras que axudan a lograr volumes e sensación espacial.

Pola súa parte, a cuarta obra desta colección, titulada Nenos tocando a harmónica, dátase a comezos da década dos 70 e conforma un retrato grupal onde destaca a recreación da indumentaria informal que visten os cinco rapaces, así como a espontaneidade da súa acción que lembra unha instantánea fotográfica.

Bibliografía

A ARTE inexistente. As artistas galegas do século XX, Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 1995.

ELENA Gago, Palacio Municipal de Exposiciones Kiosco Alfonso, A Coruña, 1987.

ELENA Gago, Concello da Coruña, A Coruña, 2007.

Obra

  • El Piano

    El Piano 1990

  • Niños tocando la armónica

    Niños tocando la armónica 1972

  • El salón

    El salón 0

  • Vasijas

    Vasijas 1990

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2026© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78