FERNANDO CASÁS
Estarque Casás, Fernando
( Gondomar, Pontevedra, 1946 )
Biografía
Intensa biografía é a deste artista polifacético, curioso de toda manifestación cultural, cunha carreira que comezou en Brasil, país ó que o levaron canto contaba poucos anos de idade. Empezou a investigar en pintura en 1964, traballando con tintas sobre soportes inusuais, coma madeiras de derrube e tendidos en xeso. Polo 67 produce mobles que son verdadeiros obxectos de creación, en madeiras queimadas e en coiro. Pasa en 1969 a estudiar na Esdi-Escola Superior de Deseño de Río de Xaneiro, e a orixinalidade condúceo a realizar interesantísimos murais para empresas públicas do país sudamericano, que derivan en creacións nas que transforma a natureza mesma na súa expresión vexetal, que expón en todo o noroeste brasileiro e que o artista, ironicamente, denomina "Proxecto idiotas". En 1975 volveu a España e realiza unha exposición en Vigo, que sorprende pola súa insólita orixinalidade. De 1977 data a súa etapa que denomina Ciclo do Cupin, que vai continuar nos seguintes con Reciclo e Laberinto, en diversas cidades brasileiras e mais en Vigo, Compostela e Barcelona. Alterna a escultura e a pintura e realiza relevos de grandes dimensións, co título do famoso libro de Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra, con pezas tituladas Vuelo, Onda, Fuego e Tierra, atendendo ás súas raíces galegas. Incorpóralles ós seus materiais a pedra e o bronce e investiga con papeis reciclados e fibras vexetais. De 1983 data a súa grande exposición en Vigo, "Diario de Viaje", que é un percorrido imaxinario pola etnoloxía americana, que tan ben coñece. Seguen as súas experiencias, inspiradas na arte popular autóctona da Amazonía brasileira, con obras que expón en lugares tan distantes coma Xenebra e Xerusalén. De 1988 data a serie Amazonas, serie negra, cando o papel rugoso e denso se enseñorea con superficies irregulares ou traballa sobre tocóns e fragmentos de árbores centenarias, de morfoloxía peculiar. Coa mencionada serie acada o premio Brasil- Estados Unidos de Artes Plásticas de dito ano, como a mellor desa data en Río de Xanerio. A súa escultura Amazonia- Cobra grande colócase no pavillón Ruth Youth do museo israelita de Xerusalén. En 1989 regresou definitivamente a España e instala un taller en Gondomar. A súa obra segue mostrándose individualmente en medio mundo e acode ás grandes bienais, coma a de Sâo Paulo. Trátase dun vangardista razoante, inquedo e reflexivo, por completo incoformista e negador do tradicional e manido, para o que calquera elemento abandonable se pode transformar en arte. É considerablemente abstracto, case sempre informalista, e, en verdade telúrico. Perante as súas obras semella escoitarmos un grito estrangulado; voces roncas e afastadas e a potencia da natureza da América india en toda a súa intensidade, pero adobada con séculos de cultura refinada, máis implícita ca explícita nas súas esculturas, relevos, pinturas e collages.
Bibliografía
-Berkowitz, Mark y otros: Fernando Casás. Río de Janeiro, Gráfica Editora, 1986. -II Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1991.